spot_img
InicioO SalnésArousaA illa Sálvora será o primeiro espazo natural que ostentará o título...

A illa Sálvora será o primeiro espazo natural que ostentará o título de Ben de Interese Cultural.

A Xunta inicia os trámites para que Sálvora sexa a primeira paisaxe natural declarada como Ben de Interese Cultural
A conselleira de Medio Ambiente, Beatriz Mato, e o conselleiro de Cultura, Román Rodríguez, anunciaron en Ribeira o inicio dos trámites para incluír a illa de Sálvora na lista exclusiva de Bens de Interese Cultural (BIC). Trátase da primeiro espazo natural que ostentará o título de BIC Paisaxe Cultural, unha categoría creada pola Lei de Patrimonio Cultural de Galicia, aprobada o pasado ano. Os titulares de ambos departamentos coincidiron en sinalar que a illa “cumpre” todos os requisitos medioambientais e paisaxísticos, pero tamén etnográficos e culturais para ser declarada BIC dentro da categoría Paisaxe Cultural, unha figura pensada para distinguir aqueles lugares identificables por un conxunto de calidades culturais, materiais e inmateriais singulares.

Ambas Consellerías levan varios meses preparando a documentación técnica do expediente, que foi informado favorablemente no día de onte pola Dirección Xeral de Patrimonio Cultural. O seguinte paso será sometelo a información pública, momento no que entrará en vigor o réxime provisional de protección para a illa.

Neste sentido, Mato asegurou que “traballamos arreo na zona para que Sálvora poida ser declarada Ben de Interese Cultural”. Así, explicou que, nos dous últimos anos, investíronse 48.000 euros para a consolidación da aldea, isto é, a rehabilitación de inmobles e hórreos, a reparación dos tellados das casas, a renovación dos paneis interpretativos e indicadores e a recompilación de útiles.

Ademais, o pasado ano destinouse unha partida de preto de 100.000 euros para mellorar os camiños, adoptáronse medidas para a prevención dos lumes forestais, realizáronse traballos para o trampeo do visón americano, elaborouse un dossier para recibir a Carta Europea de Turismo Sustentable, deseñouse material divulgativo e participouse no seguimento de aves.

Plan Director da Paisaxe Cultural da Illa de Sálvora

A conselleira de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio lembrou tamén que, xunto co Ministerio, “asuminos unha das actuacións fundamentais como é a elaboración do Plan Director da Paisaxe Cultural da Illa de Sálvora”. Con este documento, establécese a folla de ruta para o coñecemento integral do territorio insular e da súa arquitectura tradicional, así como a estruturación dos instrumentos adecuados para protexela e poñela en valor. En definitiva, o plan “conta con todos os fundamentos” para garantir o diálogo permanente entre a paisaxe natural e os elementos construídos.

Valores que acreditan a declaración BIC

Mato Otero manifestou que a Illa de Sálvora conta, pois, “con valores que acreditan a súa declaración como Ben de Interese Cultural”. É a maior reserva de Europa de erodium, unha das especies desta planta atópase en perigo de extinción e en Sálvora contabilizáronse 60.000 exemplares. Tamén é reserva de cabalo autóctono galego e reserva biolóxica de aves mariñas, en concreto, corvos mariños cristados e gaivotas patiamarillas. Ademais, ten un gran valor xeolóxico polos bolos, grandes rochas graníticas erosionadas polo vento e características da súa paisaxe; e dispón de arquitecturas sobranceiras, como a fábrica de salgadura recentemente restaurada. Por último, subliñou a conselleira, ten un pasado histórico.

Pola súa banda, o conselleiro de Cultural, Román Rodríguez, explicou que Sálvora reúne unha serie de características singulares que resaltan polos seus valores artísticos, tipolóxicos, urbanísticos e identitarios. “Cada un dos bens arquitectónicos da illa -a aldea, o faro, a telleira, o pazo-almacén, a taberna,…- son elementos da arquitectura tradicional vinculada a unha determinada época e modo de vida”, sinalou o conselleiro, quen destacou sobre todo a aldea como exemplo de lóxica organizativa e racionalidade “que lle confire un enorme valor arquitectónico, urbanístico e etnográfico”.

O futuro no Parque Nacional das Illas Atlánticas

Xa coa ollada posta no futuro, a Consellería do Medio Ambiente enviou hai uns días ao Goberno de España un protocolo xeral para actuacións en todo o Parque Nacional das Illas Atlánticas e do que poderá beneficiarse a Illa de Sálvora en canto sexa declarada Ben de Interese Cultural.

Máis de 10.000 persoas desembarcaron en Sálvora

Por último, a conselleira de Medio Ambiente destacou o esforzo de todos que “estamos a lograr o obxectivo da posta en valor de Sálvora para convertela nun espazo máis coñecido e atractivo para os galegos e para os que nos visitan”. Non en balde, o ano pasado superouse por primeira vez na historia os 10.000 visitantes.

Un interese crecente que Sálvora comparte co resto do Parque Nacional Marítimo-Terrestre das Illas Atlánticas, que no pasado exercicio sobrepasou a barreira dos 400.000 visitantes.

O 2016 foi un ano récord para o arquipélago das Illas Atlánticas, pero “queremos máis”, afirmou Beatriz Mato. Así, hai uns días, en Fitur, presentouse o Plan de Promoción e Posta en Valor do Patrimonio Natural de Galicia, que se desenvolverá ao longo dos próximos catro anos e que contará con 29 actuacións e un orzamento total de catro millóns de euros.

- Publicidade -spot_img