spot_img
InicioVigo e áreaRedondelaA illa de San Simón volve ser escenario do Obradoiro Internacional...

A illa de San Simón volve ser escenario do Obradoiro Internacional de Tradución Poética ‘Con barqueira e remador’

ciclo de rutas xeoculturais por Redondela, co obxectivo de gozar e pór en valor o patrimonio natural redondelán dende un punto de vista diferente.

O galego, o croata, o ruso, o castelán, e, por vez primeira, o búlgaro e o ucraíno son os idiomas protagonistas da quinta edición do Obradoiro Internacional de Tradución Poética, que se desenvolverá do 17 ao 22 de outubro na illa redondelá.

A illa de San Simón, en Redondela, volve ser o escenario do Obradoiro Internacional de Tradución Poética ‘Con barqueira e remador’, que celebra a súa quinta edición coa participación de seis recoñecidos poetas e tradutores procedentes de diversos países. A galega Dores Tembrás, o croata Damir Šodan, a búlgara Tsvetanka Elenkova, o estoniano Igor Kotjuh, a galega e poeta en castelán Miriam Reyes e o ucraíno Ostap Slyvynsky son os protagonistas dunha edición que se desenvolverá do 17 ao 22 de outubro baixo a dirección da tamén poeta e dinamizadora cultural Yolanda Castaño, co patrocinio da Consellería de Cultura e Educación e do Concello de Redondela, ademais do apoio de diversas entidades.

“Cando un proxecto chega á súa quinta edición podemos presentalo, sen dúbida, xa cunha solidez manifesta, froito da experiencia de organización, do interese da iniciativa e da calidade e boa resposta ano tras ano dos participantes”, afirmou esta mañá o secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, na rolda de presentación do obradoiro, que tamén contou coa participación de Yolanda Castaño, da concelleira de Cultura do Concello de Redondela, Teresa París; e do deputado de Cultura e Normalización Lingüística da Deputación de Pontevedra, Xosé Leal.

Intercambio cultural, literario e lingüístico
Durante a súa intervención, Anxo Lorenzo situou o obradoiro nun marco de actuación do Goberno galego dirixido a “favorecer espazos para a creación poética e, ao mesmo tempo, para o intercambio cultural, literario e mesmo lingüístico arredor da poesía”. “Nese sentido –engadiu–, a illa de San Simón, rehabilitada como lugar para a creatividade e con esa personalidade histórica de ser fonte primeira da poesía galega, parece efectivamente o lugar máis axeitado para favorecer este encontro de tradución poética”.

Alí estarán traballando coas palabras durante unha semana un colectivo de seis poetas/tradutores que terán a oportunidade de intercambiar experiencias, opinións, puntos de vista etc. Os máis deles contan xa cunha traxectoria recoñecida nas súas linguas, pero tamén noutros sistemas culturais que verteron as súas obras a outras linguas, e algúns mesmo contan con experiencia na tradución do galego ás súas linguas. Agora reuniranse en San Simón para verter, cadaquén, co inglés como idioma ponte, os poemas dos seus compañeiros á súa lingua de orixe, “un labor delicado, de consulta, de indagar en cada verbo, en cada expresión, en cada imaxe”, dixo Anxo Lorenzo.

Recitais poéticos multilingües
O elenco de autores será tamén o protagonista do programa de actos abertos e gratuítos do obradoiro, conformado por tres recitais multilingües que se desenvolverán na provincia de Pontevedra os días 19, 20 e 21 de outubro na Casa da Luz de Pontevedra, ás 20:00 horas; no Mercado Progreso de Vigo, ás 19:00 horas; e no Multiúsos da Xunqueira, en Redondela, ás 20:00 horas, respectivamente. Estes tres recitais poéticos multilingües farán soar a obra dos convidados e convidadas nas súas linguas orixinais, seguidas das traducións ao galego.

Froito do labor realizado ao abeiro do obradoiro da pasada edición, en 2015, na que participaron acaba de ver a luz a publicación ‘A illa curiosa e a tradución do universo’, coordinada por Estíbaliz Espinosa, que se presentará esta tarde, ás 20:00 horas, no Sexto Edificio do Museo de Pontevedra.

- Publicidade -spot_img