Será na Illa de Ons. Entre o 16 e o 23 de outubro. Catro creadoras e creadores audiovisuais traballarán da man de catro especialistas consolidadas no sector para avanzar no desenvolvemento de cadanseu proxecto de curtametraxe.
Será a II Residencia FICBUEU. O programa formativo acada a súa segunda edición. Estíbaliz Urresola, cuxo traballo recente máis destacado foi o guión da premiada longametraxe 20.000 especies de abellas, titorizará os catro proxectos participantes.
As actividades da II Residencia FICBUEU, inclúen titorías individualizadas e grupais relacionadas co desenvolvemento de guión e dirección. Ademais, haberá formacións específicas en tres áreas relacionadas coa produción dun filme.
A guionista Carmen Ávalos impartirá formación en Guión con perspectiva de xénero. A produtora Beli Martínez sobre os Primeiros pasos tras a finalización dun guión. Encol da importancia da coordinación de intimidade nunha rodaxe impartirán clases Tábata Cerezo e Lucía Delgado. A súa empresa, Intimact, traballa con produtoras audiovisuais asesorándoas sobre a mellor maneira de afrontar a rodaxe das escenas íntimas de cada ficción.
Producións participantes na I Residencia
O Festival Internacional de Cinema de Bueu, FICBUEU, promove o proxecto por segundo ano consecutivo. Na primeira edición, a de 2023, as catro creadoras e creadores participantes traballaron en Ons no desenvolvemento de cadanseu filme. Tiveron coma titora á guionista de filmes coma As Bestas, Isabel Peña.
O proxecto de Residencia mereceu en 2023 o apoio do Ministerio de Cultura e da Axencia Galega das Industrias Culturais. De entre as curtametraxes participantes, unha está en desenvolvemento grazas ao primeiro impulso recibido co premio desta primeira edición. As outras tres persoas participantes tamén están desenvolvendo os seus proxectos.
O cineasta catalán Jordi Sanz Angrill avanza coa produción de «Sismes», o filme escollido na primeira edición do programa para ser producido co apoio do Festival
A illa de Lanzarote acolle a rodaxe da curtametraxe seleccionada para a súa produción co apoio do Festival. Tratase de Simes, do realizador catalán Jordi Sanz Angrill. O filme recibiu 15.000 euros do festival logo de pasar polas actividades de desenvolvemento de titoría e formación pola Illa de Ons.
As bases e o formulario de inscrición para a II Residencia FICBUEU están na páxina web do Festival Internacional de Cinema de Bueu. O prazo de presentación de candidaturas está aberto ata 10 de xuño