spot_img
InicioBaixo MiñoA GuardaA Guarda exalta a cultura de Galicia na fin de semana das...

A Guarda exalta a cultura de Galicia na fin de semana das Letras Galegas

A Guarda exalta a cultura de Galicia na fin de semana das Letras GalegasA Guarda presenta unha intensa programación cultural e gastronómica orientada á exaltación da cultura galega e as súas letras que durará ata o domingo.

A festa comezará na vila o 17 de maio, co tradicional festival folclórico organizado pola Agrupación Musical Guardesa (17:00 h) e a posterior entrega dos diplomas aos gañadores e gañadoras dos concursos de redacción e debuxo. Xa o venres, a programación continuará coa celebración da primeira fin de semana da ruta gastronómica «Tapearte», na que se ofertarán tapas elaboradas co mellor da nosa cociña a un prezo único de 2€. As elaboracións poderán degustarse os venres, sábados e domingos do 18 de maio ao 3 de xuño en 19 bares e restaurantes guardeses.

O gran día de exaltación da cultura e a idiosincrasia galega será o 19 de maio, cando se celebrará a pasarela do traxe tradicional galego, organizado polo Concello da Guarda e a Asociación para a Recuperación do Traxe Galego. O espectáculo etnográfico celebrarase no recinto do Centro Cultural, onde preto dunha vintena de homes e mulleres da vila desfilarán amosando unha variada mostra das vestimentas tradicionais tanto galegas como especificamente guardesas. A pasarela acompañarase cunha explicación da composición e a historia de cada unha das pezas, aportadas pola Asociación Etnográfica Sete Espadelas.

De seguido, inaugurarase na sala de exposicións do Centro Cultural a X Exposición do Traxe Galego, organizada pola Asociación para a Recuperación do Traxe Galego da Guarda. A mostra permanecerá nas dependencias do emblemático edificio ata o 26 de maio, onde poderá visitarse en horario de mañá (10:00 a 13:00 horas) e tarde (18:00 a 21:00 horas) de luns a sábado. Os domingos, a exposición estará aberta ao público entre as 18:00 e as 21:00 horas.  A música tamén terá cabida durante esta xornada, na que os grupos de folk Sete Tarabelos e Boa Vila actuarán polas rúas do municipio, amenizando a xornada a veciños, veciñas e visitantes.

O mesmo sábado, ademais, aquelas persoas interesadas en coñecer máis polo miúdo o Monte Santa Trega e a súa riqueza patrimonial, poderán facelo da mellor maneira: con visitas guiadas gratuítas. Poderán realizarse tres percorridos: unha visita ao monte, incluíndo visita ao castro e ao MASAT (17:00 h); un percorrido específico polo castro (ás 11:00 e ás 16:00 h); e unha visita especial ao barrio Mergelina, co acompañamento do arqueólogo Rafael Rodríguez.

A fin de semana concluirá na Guarda coa celebración da XI Feira do Libro, na que participarán cinco librarías da Guarda e a comarca con descontos do 20%. O festexo literario terá lugar na Praza do Reló entre as 11:00 e as 20:00 horas do domingo, cunha ampla programación de actividades lúdicas e actuacións musicais para todos os públicos.

- Publicidade -spot_img