A pesar da persistente ameaza de chuvia que fixo que a confección das tradicionais alfombras florais, que normalmente se empezan a facer na tardiña do sábado anterior, tivese que comezar sobre as seis da mañá do domingo, A Guarda puido celebrar por todo o alto a Festa das alfombras florais este domingo 29 de maio.
Os guardeses e as guardesas afanáronse en ter listas e engalanadas as principais rúas da vila pola Festividade do Santísimo cunhas preciosas alfombras florais, realizadas en menos tempo do habitual, pero que de igual maneira resultaron espectaculares.
Media hora máis tarde do previsto, para dar tempo a que se fixeran as alfombras, empezou a Misa. Tras esta, pasadas as 13h., deu comezo a procesión do Santísimo, que saíu dende a Igrexa Parroquial de Santa María da Guarda e se dirixiu á Praza do Reló para logo ir percorrendo as rúas adornadas coas alfombras e parando nos 4 altares que había en varias desas rúas nas que se confeccionaron as alfombras. Ao paso da procesión os veciños e as veciñas botaban pétalos de flores dende as fiestras e os balcóns nunha chuvia que si foi ben recibida polos asistentes.
Por sorte a chuvia esperou xusto ao final da procesión para facer acto de presencia e rematar pasando por auga unha xornada chea de nervios, moito traballo e celebración nunha das grandes fin de semanas da Guarda.