A Casa Galega da Cultura de Vigo acolleu a presentación dunha mostra sobre Florencio Delgado Gurriarán realizada sobre unha selección dos fondos bibliográficos e documentais que posúe a Fundación Penzol relacionados co escritor ao que a Real Academia Galega dedica o Día das Letras Galegas de 2022
Revista COUSAS DE Nº13
No acto interviron Malores Villanueva, secretaria da Fundación Penzol; Ricardo Gurriarán, autor de Florencio Delgado Gurriarán. Vida e obra dun poeta valdeorrés, republicano e galeguista; Xesús Alonso Montero, académico, padroeiro da Fundación Penzol. Autor de Florencio Delgado Gurriarán. Poeta na terra, na guerra e no exilio e Manuel Puga Pereira, presidente da Fundación Penzol.
.
A exposición está formada por varias mesas con diferente material seleccionado polas padroeiras da Fundación Penzol Malós Cabrera e Malores Villanueva, que contaron coa colaboración do persoal técnico da Casa Galega da Cultura, así como de Editorial Galaxia na preparación dalgúns dos materiais gráficos.
A primeira das mesas recolle aspectos biográficos e á súa obra poética, presenta as primeiras edicións dos seus libros (de 1934 a 1986), material gráfico familiar, correspondencia e orixinais manuscritos e mecanoscritos. A segunda dedícase á súa personalidade política como republicano e galeguista, como a primeira edición do Cancioneiro da loita galega, obra colectiva editada en México en 1943.

A terceira trata do seu labor como tradutor e as súas colaboracións en dúas iniciativas da cultura galega no exilio mexicano: as revistas Saudade e Vieiros, ademais dos seus textos en prosa e algún exemplo de súa poesía mexicana.
A cuarta mesa estará dedicada ao exilio galego en México, coa presenza de publicacións, material gráfico e correspondencia de relevantes personalidades dese exilio, e unha peaña adicional presentará a edición facsimilar da revista Vieiros.

Ademais os asistentes tiveron á súa disposición o número 25/2 do boletín Novas
Penzol, que recolle as referencias completas, tanto bibligráficas como documentais
relacionadas co homenaxeado.
