A exposición Movemento e cor. Estampas de circo de Fernand Léger e Luis Seoane abriu as súas portas este xoves na Fundación Luis Seoane, un proxecto que reúne unha selección das litografías de Cirque, o libro de artista de Fernand Léger publicado por Les Éditions Verve de París en 1950; e as serigrafías incluídas na carpeta 7 estampas de circo realizadas por Luis Seoane en 1974 e publicadas tras o falecemento do artista en 1979 por Ediciones La Garza de Buenos Aires.
Fernand Léger e Luis Seoane volverán a encontrarse na Fundación Luis Seoane máis de dúas décadas despois da exposición coa que se inaugurou a súa sede actual. Se naquela ocasión amosáronse un óleo e un gouache realizados polo pintor francés, agora o público poderá disfrutar de 51 litografías incluídas no seu célebre libro de artista dedicado ao circo, un dos temas recorrentes na súa obra, xunto ás serigrafías de Luis Seoane, restauradas expresamente para esta exposición.
En 1950, o crítico de arte e editor Tériade, responsable de Les Éditions Verve, encárgalle a Fernand Léger un libro sobre o circo. O artista, que xa utilizara con anterioridade este tema na súa obra, realiza unha serie de gouaches en cor, debuxos en branco e negro e textos caligrafiados nos que envorca os seus recordos e o seu pensamento estético. O resultado é un libro de artista único, unha metáfora sobre a vida, a beleza, a arte, a cor, a forma e o seu significado, inspirado nas funcións do célebre circo Medrano de Montmartre ás que Léger asistía en compañía de amigos como Apollinaire ou Cendrars.
O circo é o punto de partida dun diálogo entre dous creadores con visións mois similares respecto á práctica artística e a función da arte. Fernand Léger foi unha das principais influencias na obra de Luis Seoane, especialmente nos seus murais. Ambos compartían a crenza na capacidade transformadora da cor, no concepto de integración das artes.
Movemento e cor. Estampas de circo de Fernand Léger e Luis Seoane podrá visitarse en la Fundación Luis Seoane hasta el próximo 30 de enero.




