
Hoxe a Festa da Ostra vive o seu día grande, un día cheo de emoción e de reencontros, un día de festa que nesta edición comezou ben cediño co pasarrúas da Banda Artística de Arcade e da Banda Cultural de Arcade que encheron de música e de alegrías as rúas desta parroquia. Unha vez que chegaron ao peirao ofreceron un pequeno concerto antes os milleiros de persoas que dende as 12:30 h. xa estaba na carpa de Arcade.
O tempo acompañou nesta xornada, e a xente non fallou, milleiros de persoas baixaron nesta mañá e mediodía a desfrutar e a degustar a XXXVI edición da Festa da Ostra. Nunha carpa ateigada o público asistente puido desfrutar da ostra ao natural e da gastro experiencia OsTres, conformado por tres cociñados de ostras: ostra mar e montaña sobre unha crema carbonara ibérica, ostra adobada en teriyaki sobre crema de aguacate e caviar de arenque e ovas de salmón e por último, ostra en escabeche tradicional. Uns pratos cociñados polo Calidus Catering que lidera o veciño de Soutomaior Joaquín Lema e que foron un auténtico éxito nesta edición. Todo, maridado cos mellores viños Albariños de Soutomaior (Noelia Bebelia, María Vinyals e Quinta da Eiras).
O alcalde de Soutomaior, Manu Lourenzo, agradeceu hoxe a todas as persoas que traballaron arreo e fixeron todo o posible o éxito desta edición da Festa da Ostra. O pregoeiro, Manuel Lourenzo Domínguez, foi quen de sorprender ao público asistente cun discurso cargado de referencias literarias, nas que non faltaron anécdotas de reis conquistadores, lendas de illas flotantes e emotivas lembranzas persoais.
Ás 13:00 h. chegou a quenda do pregón, Manu Lourenzo, o alcalde de Soutomaior, comezou as intervencións agradecendo o “enorme” traballo realizado polos funcionarios do concello, ostricultores, adegueiros e todas as persoas que tiveron que estiveron involucradas con esta edición e fixeron que esté sendo un éxito. Tras as súas palabras presentou e deulle paso ao pregoeiro deste ano, un dos escritores galegos máis galadoados, Manuel Lourenzo González.
O pregoeiro atreveuse a unha esculca sobre as interioridades máis profundas do que chamou a “ostricidade”, de onde obtivo conclusións ben peregrinas, para a continuación situar a orixe máis remota da ostra no tempo dos dinosauros, nos inicios do Mesozoico, nun exemplar de tamaño xigantesco que denominou Megaostreon Saporisima. Tal noticia levouno a considerar a posibilidade de que os dous illotes que embelecen a paisaxe marítima de Arcade, as illas Alvedosas, á vista da súa fisionomía, sexan en realidade dúas superostras primixenias que, tras millóns de anos, ficaron fosilizadas e confundidas coa paisaxe actual. E, dada a importancia e os beneficios que suporían tal descubrimento, animou a facer catas canto antes para comprobalo.
Finalmente, aceptando que todos os presentes se decataran xa da pouca base científica da súa teoría e confesando que todo fora unha chanza benintencionada para un día de festa, engadiu: “Si, a tese das ostras Alvedosas ten pouca base; pero ten altura, altura imaxinativa e poética, e con iso é co que lles pido que queden“. E aclarou que a súa intención non fora outra que reproducir o tipo de temáticas, enxeñosas e retranqueiras, que con frecuencia dominaban nas conversas entre paisanos nas tabernas tradicionais arredor das fontes de ostras de Arcade e o albariño de Soutomaior, para rematar coa petición de que ese humor, esa vea imaxinativa e desenfadada que nos caracteriza, non se perdese nunca.
Tralo pregón un grupo de jazz amenizou, se cabe máis, a degustación de ostras no Peirao de Arcade. Unha Festa da Ostra que esta tarde noite pechará esta edición e onde nesta tarde poderemos desfrutar do concerto de Cantanascroas ás 18:30 h. no peirao.




