spot_img
InicioGaliciaA Federación Europea dos Camiños de Santiago reúnese co novo equipo directivo...

A Federación Europea dos Camiños de Santiago reúnese co novo equipo directivo do Instituto de Itinerarios Culturais

a-federacion-europea-dos-caminos-de-santiago-reunese-co-novo-equipo-directivo-do-instituto-de-itinerarios-culturaisO novo equipo directivo do Instituto de Itinerarios Culturais do Consello de Europa recibiu onte en Luxemburgo á Federación Europea dos Camiños de Santiago, na que participa a Xunta de Galicia.

O encontro, que tivo lugar na sede do Instituto de Itinerarios Culturais do Consello de Europa, en Luxemburgo, constituíu unha oportunidade para discutir as últimas actividades e programas da Federación Europea e as previsións dunha expansión futura para incluír novas entidades territoriais como membros.

Outros temas abordados durante a reunión foron a participación do Camiño de Santiago no Seminario de verán do Instituto ou no vindeiro Foro Anual que terá lugar en Vilnius no outono. Así mesmo, tamén foron comentados aspectos derivados da conmemoración do 30º Aniversario dos Itinerarios Culturais do Consello de Europa, que terá lugar en 2017, e as oportunidades de financiamento.

Por parte do Instituto de Itinerarios Culturais participaron na xuntanza o novo director do Instituto e secretario executivo do Acordo Parcial ampliado sobre Itinerarios Culturais do Consello de Europa, Stefano Dominioni, a coordinadora do proxecto Rutas Culturais do Consello de Europa, Eleonora Berti, e a responsable do programa conxunto Consello de Europa – Comisión Europea, Kathleen Lapie.

Así mesmo, a reunión contou coa participación do xerente da S.A. de Xestión do Plan Xacobeo, Rafael Sánchez, e o director de competitividade de Turismo de Galicia, José Luis Maestro Castiñeiras, o secretario da Federación e representante da Communauté d’Agglomeration du Le-Puy-en-Velay, Gerard Beaume, e o director e a directora de Administración de Turismo de Namur, Francis Malacord e Martine Xhervelle.

Federación Europea dos Camiños de Santiago
A Federación Europea dos Camiños de Santiago foi creada en 2011 co obxectivo de dar unha dimensión transnacional á Ruta Xacobea e traballar na consolidación do Camiño de Santiago como Primeiro Itinerario Cultural Europeo.

A Federación Europea dos Camiños de Santiago está integrada pola Communauté d’Agglomeration du Le-Puy-en-Velay, en Francia, pola Province de Namur, en Bélxica, polo municipio de Asís, en Italia, o municipio de Vila Pouca de Aguiar, en Portugal, e mais pola Xunta de Galicia, a través de Turismo de Galicia.

Entre as accións que desenvolve a federación destaca a promoción da marca Camiño de Santiago a través do desenvolvemento da web SaintJamesWay.eu, a realización de accións conxuntas, a cooperación co Comité Internacional de Expertos do Camiño de Santiago; a cooperación coas universidades dos diferentes países así como coas Asociacións de Amigos do Camiño de Santiago; a participación no foro anual do Instituto de Itinerarios Culturais Europeos, entre outras.

- Publicidade -spot_img