spot_img
InicioAlto MinhoA Eurocidade Tui-Valença celebra o seu décimo aniversario afrontando novos desafíos para...

A Eurocidade Tui-Valença celebra o seu décimo aniversario afrontando novos desafíos para a próxima década

A Eurocidade Tui-Valença celebra o seu décimo aniversario afrontando novos desafíos para a próxima décadaTras dez anos de traballo a Eurocidade Tui-Valença afronta novos retos e desafíos para o futuro cos que seguir avanzando na liña de cooperación iniciada hai un década e ampliándoa a máis ámbitos.

A Eurocidade celebrou este décimo aniversario cun acto solemne nun lugar emblemático na fronteira coma a antiga Alfándega de Valença. Aí tivo lugar o descubrimento dunha placa conmemorativa, que posteriormente será colocada na vella Ponte Internacional, e a sinatura dun protocolo de cooperación coa Agrupación Europea de Cooperación Territorial da Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal.

O alcalde de Tui, Enrique Cabaleiro, e o presidente da Cámara de Valença, José Manuel Carpinteira, foron os anfitrións en tan destacada xornada que contou cunha ampla presenza de autoridades e representantes de distintos colectivos de ambas beira do Miño. No acto participaron o vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda; o director da AECT Galicia Norte de Portugal, Nuno Almeida, e a vicepresidenta da CCDR Norte Célia Ramos.

 

O acto comezou coa proxección dun vídeo resumo destes dez anos de Eurocidade, dando paso a continuación á intervención de Nuno Almeida, o director da AECT Galicia Norte de Portugal, quen explicou que o protocolo asinado hoxe terá unha periodicidade de 2 anos prorrogable anualmente de xeito automático. Lembrou que a AECT que dirixe ten coma principal finalidade “a colaboración transfronteiriza coma instrumento de transformación destes territorios en novos espazos de desenvolvemento”. Nese senso aludiu a colaboración que están a realizar con esta Eurocidade para a súa estratexia para os próximos anos.

A Eurocidade Tui-Valença celebra o seu décimo aniversario afrontando novos desafíos para a próxima década

O alcalde de Tui, Enrique Cabaleiro, falou de pasado, de presente e de futuro. Lembrou coma hai dez anos esta Eurocidade foi a primeira en constituírse entre Galicia e o Norte de Portugal, institucionalizando o que xa era unha realidade a nivel social. Trasladou o “recoñecemento e gratitude” aos que hai unha década foron os “actores políticos que crearon esta Eurocidade” en referencia ao vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, e aos daquela mandatarios de Tui e Valença, Moisés Rodríguez e Jorge Mendes.

Para Enrique Cabaleiro o balance deste 10 anos é “moi positivo” xa que non sé se levaron a cabo actividades culturais e deportivas de forma conxunta dando lugar a “unha axenda única nun territorio transfronteirizo en Europa”, senón que “baixo o paraugas da AECT Galicia Norte de Portugal estamos desenvolvendo dous proxectos moi importantes” “Río Miño, destino navegable” en promoción turística e o proxecto Unicidade no que están traballando na definición da Estratexia 2030. Tamén “xunto con outras eurocidades a través da cobertura que nos presta a  AECT Río Miño estamos desenvolvendo outros proxectos importantes” para este territorio transfronteirizo, engadía.

Subliñou amais que “a creación da Eurocidade espertou no conxunto das persoas, tanto do veciños de Valença coma dos de Tui, a necesidade de sentirnos de ambos lados do territorio” e coma exemplo puña o efecto que provocou o primeiro peche de fronteiras derivado da pandemia da covid, que xerou un “rotundo rexeitamento” pero  que “máis que nunca se espertou na conciencia dos veciños  e das veciñas do outro lado da fronteira esa necesidade de sentirnos un único pobo, unha única identidade, que compartimos obxectivos comúns e polo tanto debemos loitar unidos por eles”.

O alcalde de Tui, Enrique Cabaleiro, indicou que para afrontar os novos desafíos  “temos que dotarnos dunha serie de instrumentos, sobre todo xurídicos, que nos dean capacidade xurídica e de obrar” xa que indicaba que “hai unha barreira xurídica, normativa e a administrativa que aínda os territorios transfronteirizos non damos superado“. Tamén precisou que “o gran desafío para o futuro neste territorio son os servizos de carácter sociosanitario e educativo”.

A Eurocidade Tui-Valença celebra o seu décimo aniversario afrontando novos desafíos para a próxima década

Pola súa banda o presidente da Cámara de Valença, José Manuel Carpinteira, tras repasar a colaboración realizada no seo da Eurocidade indicaba que “urxe agora dar o próximo paso para unha maior converxencia institucional, económica e social, promovendo compartir servizos coma un instrumento dinamizador da Eurocidade Tui-Valença”. Engadía que “Precisamos enfocarnos no futuro, unha visión de medio e longo prazo , para a afirmación da nosa Eurocidade coma un referencia na cooperación transfronteiriza, con efectos claros no desenvolvemento e aproveitamento das potencialidades únicas do noso territorio” polo que indicaba están a traballar na Estratexia de 2030.

Engadía o mandatario valenciano que “somos conscientes que para o desenvolvemento de proxectos de cooperación transfronteiriza que ambicionen unha promoción crecente do noso tecido económico, empresarial, tecnolóxico, académico, social, cultural ou deportivo é necesario o recoñecemento da personalidade xurídica da Eurocidade Tui-Valença”. Por iso dicía “dez anos despois da formalización da constitución da nosa Eurocidade  asinaremos hoxe un protocolo de colaboración ambicionando a maximización do desenvolvemento do territorio transfronteirizo que compartimos”. Indicaba que “ste é un paso fundamental para a implementación da visión estratéxica para o futuro da Eurocidade Tui-Valença e para o apoio e valorización deste territorio de fronteira”.

A vicepresidenta da CCDR Norte Célia Ramos, afirmaba que a vella Ponte Internacional “é un símbolo da amizade do noso pobo”. Engadiu que  “os homes fixeron pontes, non barreiras, a experiencia das nosas eurocidades é unha expresión contemporánea e activa relevante desta mesma afinidade, e é tamén un instrumento ao servizo das nosas poboacións e do desenvolvemento rexional”.

Amais Célia Ramos indicou que o camiño feito nestes dez anos é “un legado de confianza e de experiencia” e os pasos dados en cooperación en diversas áreas “son unha motivación para profundar en novas apostas”.  Concluía indicando que “os desafíos están aí. Os desafíos que temos por diante son moi relevantes, nas áreas do ambiente, da sustentabilidade, das smarts cities, de compartir recursos  e de servizos, en protección civil e na promoción dos sempre presentes Camiños de Santiago”.

Por último o vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, aludía as actividades compartidas por Tui e Valença  “isto é unha pequena miragre que agora parece moi fácil pero que hai uns anos era absolutamente imposible, polo tanto sigamos traballando así, e sigamos aproveitando a enorme oportunidade de que aquí xa hai moitísimo tempo que a xente ten unha relación moi especial, que agora as administracións acabamos de entender e estamos potenciando”. Previamente referíase á importancia do Camiño Portugués neste territorio da Eurocidade “este ano van pasar por aquí, quero ser realista, se todo vai ben e a pandemia sigue mellorando, pode ser espectacular, con 140 mil ou 150 mil persoas que poden pasar por aquí”. Nese senso agradecía que “sexades os anfitrións da xente que ten a conciencia de facer un camiño que atravesa dous países, unha eurorrexión, e que cada vez máis xente quere facer. Eu creo que é unha perfecta mostra do que supón a irmandade, o que supón traballar conxuntamente”.

- Publicidade -spot_img