A Xunta apoiará a celebración da primeira edición da feira Gastrotur do Ulla, en maio de 2024, no concello pontevedrés da Estrada. Así o destacou o director da Axencia Galega da Calidade Alimentaria, José Luis Cabarcos, no acto de presentación deste certame, no que tamén participaron o Alcalde da Estrada e a deputada provincial delegada de Turismo, Nava Castro, quen destacou que “A Estrada conxuga á perfección o que é esta provincia e o que queremos que sexa: Pontevedra é desfrutar!”.
Salientar que este certame gastronómico, turístico e deportivo pretende ser un escaparate de toda a oferta innovadora que ofrecen os 19 concellos zona bañados polo río Ulla: Antas de Ulla, Boqueixón, Agolada, Silleda, Monterroso, Vedra, Arzúa, Pontecesures, Santiso, Teo, Catoira, Palas de Rei, Padrón, A Estrada, Valga, Vila de Cruces, Touro, Dodro e Rianxo.
Así, o director xeral destacou a importancia de colaborar con este tipo de feiras, que permiten promocionar as singularidades locais e apostar pola produción da zona, contribuíndo a ampliar o mercado a novos compradores. Centrado máis na oferta gastronómica, Cabarcos destacou o prestixio que están alcanzando os 37 selos de calidade, os cales constitúen un dos principais atractivos da ampla oferta turística de Galicia. Así, os visitantes acoden a nosa Comunidade atraídos, entre outras cousas, polos seus manxares, sendo esta unha das grandes motivacións para a súa viaxe, matizou o director.
Precisamente, salientou Cabarcos, estas producións de calidade son recursos alimentarios que constitúen unha das mellores ferramentas das que dispón o medio rural desta comunidade para asegurar o seu futuro, emprender novas vías de desenvolvemento e, incluso, reinventarse.
Lei da Calidade Alimentaria
De feito, o director da Axencia puxo en valor a Lei da Calidade Alimentaria, unha norma que se está tramitando no Parlamento, e que ten como principal obxectivo que os produtos alimentarios galegos alcancen unha nova dimensión no mercado, máis competitiva e atractiva para a cidadanía e, en consecuencia, favorecer tamén o desenvolvemento local, a creación de emprego e a diversidade produtiva. En paralelo, búscase achegar ás persoas consumidoras todas as garantías de que o produto que se ofrece pasou rigorosos controis de calidade e estivo sometido a un especial coidado no proceso de produción e comercialización.




