spot_img
InicioVigo e áreaVigoA Escola de Cantería elabora as catro estatuíllas que se entregarán no...

A Escola de Cantería elabora as catro estatuíllas que se entregarán no Festival de Cine Inclusivo de Vigo (VIIFF)

A Escola de Cantería elabora as catro estatuíllas que se entregarán no Festival de Cine Inclusivo de Vigo (VIIFF)A Escola de Cantería elabora as catro estatuíllas que se entregarán como premios do público e do xurado aos mellores documentais e curtametraxes

O Festival de Cine Inclusivo de Vigo (VIFF), cuxas proxeccións terán lugar no Auditorio Municipal e nos Cines Salesianos,  ten como finalidade dar a coñecer, apoiar e valorar os proxectos cinematográficos realizados por e para a inclusión e a igualdade. Nesta cuarta edición, o festival segue a apostar por dúas seccións competitivas, unha de documentais (Vig-In Doc), que este ano quere poñer o foco nas enfermidades raras, e outra de curtametraxes audiodescritos e subtitulados.

No acto de presentación no Museo Marco a presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, destacou o papel do Festival de Cine Inclusivo de Vigo (VIIFF) polo seu “factor de apoio á democratización da cultura” e a súa “capacidade para chegar a todo o mundo”. Silva cualificou de “obriga” o compromiso da institución provincial con este evento, “porque todas as persoas teñen dereito a poder desfrutar da cultura, que é fundamental”, na presentación deste certame, que organiza a Asociación Galega Audiovisual Inclusiva (AGAIN) e que se celebrará entre os días 22 e 26 deste mes de outubro na cidade olívica.

Silva tamén mostrou a súa satisfacción porque as estatuíllas que se entregarán como premio no festival volvan estar deseñadas pola Escola de Cantería, “co que modernidade e tradición están moi ligadas”. As figuras están elaboradas en granito e representan o obxectivo dunha cámara, xogando amais co simbolismo do encadramento, o ollo e a orella. E, por outra banda, destacou tamén o feito de que a programación do certame inclúe a presentación da webserie “Sorrisos transformadores”, “unha aposta moi seria por dar visibilidade e reclamar que todas as persoas teñen que ter os mesmos dereitos”. “Así que imos desfrutar desta festa do cine en Vigo _concluíu a presidenta da Deputación_, e estou segura de que as vindeiras edicións serán aínda mellores e que acabará converténdose nunha das grandes mostras de cine ligado á inclusión. Alí estaremos desfrutando deste gran cóctel de cultura audiovisual que tedes preparado”.

A cita, que este ano se incorpora por primeira vez á listaxe de festivais audiovisuais subvencionados pola Consellería de Cultura e Turismo a través da convocatoria anual da Agadic, conta así mesmo cunha importante presenza do cinema galego nas súas diferentes seccións: VIG-IN DOC, Curtametraxes, Coñece! Escolas e Novas Miras. A través delas, o público terá a oportunidade de ver os últimos traballos de Álvaro Gago, Pedro Sancho, Pablo Fontela, Noemí Chantada e Óscar Pardo, Olga Osorio, Luis Avilés Baquero ou Khris Cembe, que comparten carteleira con outros destacados nomes do panorama estatal e internacional.

O director da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic), Jacobo Sutil, participou na presentación en representación do Goberno galego. Para Sutil, trátase dun encontro único e pioneiro que ten no seu valor social o seu principal elemento distintivo dentro do panorama cinematográfico galego, tanto pola temática dos filmes como polos xeitos de proxección, con soportes de audiodescrición e subtítulos. Tamén participaron na presentación representantes das distintas institucións implicadas no proxecto e Gonzalo Suárez, director do festival.

A sesión inaugural do día 22 incluirá a estrea da longametraxe documental “A nosotros tu reino”, na que o realizador mexicano Horacio Alcalá aborda a historia de superación do deportista galego Simón González, quen foi campión mundial de full contact tres veces consecutivas e ao que un accidente doméstico lle cambiou a vida hai cinco anos.

Na presentación do VIIFF, o alcalde de Vigo, Abel Caballero, amosou a súa admiración polo proxecto desenvolvido por Again para “transformar o cine en inclusivo”. “O voso éxito é o éxito dunha cidade, dun país”, manifestou o rexedor, quen subliñou que “facer esta nova dimensión do cine inclusivo ten un enorme valor“ e tamén apuntou que a continuidade do certame está garantida. Pola súa banda, o director do certame, Gonzalo Suárez, pediu as autoridades presentes “remar todos xuntos” para facer un gran festival en Vigo, que sexa referente no mundo na visibilización dos máis vulnerables a través do cine.

No que atinxe á webserie “Sorrisos transformadores” que se presentará o día 26, está dirixida por Noemí Chantada e Óscar Pardo. Trátase dun proxecto da Deputación de Pontevedra que naceu como exposición fotográfica e no que colaborou a Asociación Arelas, de Familias con Menores Trans*. Como soporte desa mostra, realizouse unha peza audiovisual, en formato documental, e oito curtas (que constitúen a webserie) que recollen as testemuñas das e dos protagonistas da exposición, nas que amosan as realidades e os obstáculos sociais os  que se enfrontan as persoas trans* día a día.

- Publicidade -spot_img