Inicio Alto Minho 'A emoción dos viños' reúne a máis de 80 profesionais da viticultura...

‘A emoción dos viños’ reúne a máis de 80 profesionais da viticultura esta fin de semana en Valença

 

a-emocion-dos-vinos-reune-a-mais-de-80-profesionais-da-viticultura-esta-fin-de-semana-en-valenca

As xornadas de catadura de viños terán lugar o 2 e o 3 de xullo na Quinta de Santa Luzia, en Valença do Minho, por mor das obras da Catedral de Tui.

Esta fin de semana, o sábado 2 e o domingo 3 de xullo, terá lugar na localidade portuguesa de Valença do Minho a sexta edición da xornada “A emoción dos viños” organizada pola Asociación para a emoción dos viños. Esta iniciativa que naceu en 2011 ten como obxectivo a “defensa dun viño producido dende o respecto, cun traballo sostible na viña e cunha clara idea de calidade e identidade por enriba da cantidade e do mercado”.

O salón, que reunirá a máis de 80 viticultores e viticultoras dende que abra as súas portas ás 11:00 horas do sábado, está emprazado na Quinta de Santa Luzia, un fermoso espazo de mediados do século XIX situado na cunca do río Miño. De feito o salón, malia ter tido que mudar de espazo nesta edición, sempre estivo relacionado directamente co río: as cinco edicións anteriores tiveron lugar no Claustro da Catedral de Tui, a cal se atopa actualmente en obras de rehabilitación. A organización quere, deste xeito, agradecer “a Valença do Minho e aos viticultores e viticultoras portuguesas polo seu constante apoio”.

A provincia de Pontevedra ten unha ampla representación entre as firmas participantes, con viños e produtores e produtoras procedentes das zonas do Val do Salnés, O Condado, Ribeiras do Ulla ou O Rosal, entre outras, así como de varias rexións portuguesas, O Bierzo, Ribera del Duero, distintas illas das Canarias ou Jerez, por citar algúns exemplos. As bodegas, en todos os casos, son escollidas, como sinala a organización, por achegar ao público “unha variedade de viños descoñecidos para o gran público. Viños naturais, ecolóxicos ou simplemente verdadeiros que ofrecen unha visión do mundo do viño nada elitista, apegada á terra e á tradición e libre dos males do mercado industrial do viño”.

O que non muda nesta ocasión é o horario: de 11:00 a 14:00 e de 17:00 a 21:00 horas o sábado e, o domingo, de 11:00 a 15:00 horas. Antes, na noite do venres, será a quenda da xa tradicional cea previa na que os e as asistentes, tanto profesionais da viticultura coma dos medios de comunicación ou bloggers, pero tamén persoas afeccionadas ao viño, poderán probar o máis novo e o máis interesante do que, a partir do día seguinte, o público en xeral poderá degustar.

O prezo das entradas, que se poden reservar no enderezo electrónico emociondosvinhos@gmail.com (o evento ten un aforo limitado) son os seguintes: 20 € para a dobre xornada, 15 € para a do sábado e 10 € para a do domingo. É precisamente esta última a que ten un maior carácter profesional, ao ser a escollida pola maioría de sommeliers, responsables de compras e comerciantes. Ademais, a organización de “A emoción dos viños” porá á disposición das persoas asistentes un servizo de transporte que sairá dende a parada de autobuses do centro de Tui (fronte ao surtidor de gasolina) ás 10:45 e ás 11:00 horas, hora española, ambos os dous días, e de volta dende Valença ás 21:30 e ás 21:45 horas do sábado e ás 15:30 e ás 15:45 horas do domingo.

 

- Publicidade -

ÚLTIMA REVISTA

+ VISTOS

SÍGUENOS

692FansGóstame
308SeguidoresSeguir

ETIQUETAS

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies