Dentro da programación anual da EMAO prevese, ao remate de cada curso académico, a produción dunha exposición cos resultados dun proxecto que, partindo dunha idea xeradora única, dea lugar a interpretación, despregue do traballo e saber facer dos distintos talleres. Neste ano 2024, a escola e as súas especialidades renderán homenaxe á música, manifestación artística cunha presencia destacada entre as súas paredes. Dende a década dos anos oitenta, a EMAO acolleu entre as súas senlleiras pedras un importante patrimonio musical. Nesa década e nas seguintes agromaron iniciativas que deixaron un pouso profundo na escola e na cidade:
.
Desde a Aula de Música Moderna e Electrónica, con Bibiano Morón (da que saíron numerosos grupos e músicos con traxectorias destacadas), pasando polo Obradoiro de Instrumentos Musicais Populares Galegos, con Antón Corral (xérmolo da actual especialidade de CAIM -Construción Artesanal de Instrumentos Musicais-, unha das maiores e máis salientables singularidades desta institución e orixe da actividade profesional de numeroso alumnado, como luthiers e artesáns), ata a creación do Conservatorio de Música Tradicional, con Rodrigo Romaní, orixe da actual Escola municipal de música folk e tradicional (E-TRAD), como evolución da anterior e que xerou a aparición dun bo feixe de músicos e grupos de nivel internacional, nos que destaca actualmente, entre outros, a Orquestra Folk de Galicia, SondeSeu.
.
Moitos son xa, pois, os artesáns e músicos que iniciaron a súa vida profesional entre estes muros, confirmando que a actividade musical, en sentido amplo, ademais de achegar unha mellora na vida das persoas, configura un importante sector de actividade económica e emprego, polo que paga a pena apostar.
Nesta homenaxe, a exposición permitirá ver dende o eclecticismo da creación artística de cada unha das especialidades non relacionadas directamente coa música, ata os instrumentos construídos polo alumnado das especialidades de CAIM.
.
Esta exposición estará aberta entre os días 24 de xuño e o 25 de outubro de 2024 (pechada o mes de agosto).
FICHA DA EXPOSICIÓN
Nome: “A música na EMAO”
Lugar: Espazo EMAO (Sala de exposicións da Escola Municipal de Artes e Oficios de Vigo). Entrada polas rúas Pontevedra e Rosalía de Castro
Datas: do 24 de xuño ao 25 de outubro de 2024 (agosto pechado)
Horario:
- Do 24 de xuño ao 28 de xuño: de luns a venres, laborables, de 19:00h a 21:00h
- Do 1 de xullo ao 13 de setembro (agosto pechado): de luns a venres, laborables, de 10:30h a 13:30h
- Do 16 de setembro ao 25 de outubro: de luns a venres, laborables, de 19:00h a 21:00h

Comisariado: Carlos Corral, mestre de Construción Artesanal de Instrumentos Musicais -CAIM- Gaita e Rosa García, mestra de Talla e escultura en madeira, coa colaboración do profesorado de Debuxo, Pintura, Serigrafía artística, Moda e confección, Ourivería, Artesanía en coiro, Deseño e encaixe de palillos e CAIM Zanfona.
Cartaz: Federico Fernández Alonso
Produción e montaxe: Escola Municipal de Artes e Oficios de Vigo, 2024
Axudante de montaxe: Eduardo Sánchez Arteaga