O proxecto de Aula Vont@de que se leva a cabo na Asociación Vontade, é posible grazas á cofinanciación da Xunta de Galicia coa concesión de subvencións destinadas á realización de programas de interese xeral para fins de carácter social, con cargo á asignación tributaria do 0,7% do imposto sobre a renda das persoas físicas (IRPF) e xestionado pola Confederación Galega de Persoas con Discapacidade (COGAMI).
A Asociación de Persoas con Discapacidade Vontade pon en marcha un proxecto dirixido a persoas con discapacidade física da Comarca do Baixo Miño.
Na actualidade calquera xestión pódese realizar mediante o uso das novas tecnoloxías, facilitando en moitas ocasións a realización de calquera trámite, sobre todo nos ámbitos rurais onde se complica o acceso aos núcleos de poboación, o que tamén provoca un maior illamento das persoas que, por diversos motivos, non poden acceder a elas. O uso da informática non só facilita a realización de xestións senón que tamén xoga un papel moi importante no ámbito social, educativo, cultural ou lúdico, polo que o acceso e o dominio desta na actualidade é moi importante para toda a poboación.
A Comarca do Baixo Miño caracterízase por ser unha zona rural con núcleos de poboación moi diseminados, o que provoca un incremento do illamento social, o cal aínda é maior nos casos das persoas con discapacidade. As novas tecnoloxías poden contrarrestar as barreiras físicas que teñen as persoas con discapacidade e axudar na súa inclusión social, pero ó mesmo tempo existen dificultades para o acceso a elas como poden ser: formación ou coñecementos informáticos escasos normalmente relacionado coas dificultades, problemas de acceso, falta de adaptación do mobiliario informático existente, etc. Tamén se presentan dificultades segundo as distintas capacidades e limitacións de cada persoa para o manexo do teclado, rato e pantallas táctiles como problemas de fala, movementos involuntarios descontrolados, lentitude de movemento ou falta de destreza, por exemplo.
O obxectivo da Aula Vont@de é facilitar o acceso ás novas tecnoloxías ás persoas con discapacidade, promover o seu uso e facilitar as ferramentas necesarias para o emprego dos equipos informáticos.
Para poder levar a cabo este proxecto contamos coa financiación da Xunta de Galicia procedente da convocatoria de subvencións destinadas á realización de programas de interese xeral para fins de carácter social con cargo á asignación tributaria do 0,7% do IRPF, a cal foi xestionada dende COGAMI. Con ela púidose realizar a adquisición de 12 equipos informáticos e varios periféricos adaptados que, sumados aos que xa dispoñía a entidade, posibilitan o uso dos equipos ás persoas con discapacidade. Algúns deste dispositivos son un teclado braille, un rato de bola, un sistema de comunicación alternativo, premedores, etc.
As persoas con discapacidade física da Comarca do Baixo Miño que queiran facer uso deste servizo poderán facelo mediante cita previa poñéndose en contacto coa Asociación Vontade. As persoas usuarias que fagan uso do servizo poderán usar un equipo informático accesible e adaptado con conexión a internet e contarán co apoio dun/dunha profesional da entidade en caso de presentárselles algunha dificultade.
Ademais, queremos recordar, que dende Vontade seguimos co programa de Atención Temperá e Atención á Infancia, que nesta época ten un forte impulso co inicio do curso escolar. Programa que segue sendo posible grazas a financiación da Xunta de Galicia e a todas as persoas que contribúen marcando o recadro 106 da declaración da renda para colaborar con actividades de interese social, coma este programa do que se benefician moitos nenos e nenas do Baixo Miño con discapacidade ou que están en rico de tela, achegándolles as terapias que necesitan.
Vontade é unha a asociación sen ánimo de lucro que nace en 2003 ante as necesidades comúns de servizos especializados demandados por persoas con discapacidade da comarca do Baixo Miño. Dende a entidade traballase para defender os dereitos deste colectivo ofrecendo os recursos precisos para fomentar a autonomía e autorrealización persoal e a inclusión social. Dende o noso centro de recursos para persoas con discapacidade situado en Tomiño, ofrecemos distintos servizos (Centro diúrno-terapéutico, atención á infancia, información e asesoramento, terapias individualizadas, etc.) dende as seguintes áreas profesionais: Educación Social, Fisioterapia, Logopedia, Psicoloxía, Terapia Ocupacional e Traballo Social.
A Asociación de persoas con Discapacidade Vontade atópase situada no barrio A Rocha 19B en Tomiño, 36740. Pódese contactar connosco no número de teléfono 986.62.30.44 ou no enderezo electrónico info@vontade.org. Tamén se pode ter acceso a máis información na nosa páxina web www.vontade.org ou no noso perfil de Facebook @Asociación.Vontade ou Instagram @crdvontade