A mostra “Bandas de Pontevedra. Homenaxe ás bandas da provincia” xa pode visitarse no Multiusos da Xunqueira, en Redondela. Esta exposición está organizada pola Deputación de Pontevedra e ten carácter itinerante, para pór en valor a riqueza cultural destas agrupacións musicais e, en particular, a dos concellos nos que se expón. O deputado provincial de Cultura, Xosé Leal, quixo destacar durante o acto de inauguración “o carácter de recoñecemento que esta mostra ten cara a todas as persoas que formaron e forman parte das bandas de música, pola súa achega á cultura e á transmisión de valores artísticos e sociais.”
Hai que ter en conta a particularidade de que Pontevedra é a segunda provincia do Estado español con maior número de bandas, por detrás de Valencia. Concretamente a exposición recolle a historia de 70 bandas repartidas polos 62 concellos, a maioría delas nacidas en contornos rurais. “As bandas teñen un significado que vai máis aló da propia disciplina musical, son un expoñente de asociacións culturais que permanecen no tempo e que sempre funcionaron como embaixadoras dos concellos, mesmo das parroquias nas que nacen”, afirmou Xosé Leal.
Esta mostra itinerante cóntase entre as actividades que a área de Cultura da Deputación de Pontevedra está promovendo nos concellos da provincia. Neste sentido, e antes de que remate o ano, está previsto que o programa de actividades culturais da Deputación chegue a 22 concellos máis, levando 8 exposicións, 18 obradoiros e 2 actuacións infantís
O deputado provincial de Cultura estivo acompañado na inauguración desta mostra polos seus comisarios, Xaime Estévez e Ana Costas, e polo concelleiro de Cultura de Redondela, Javier Alonso. O acto de apertura da mostra ó público tamén foi o escenario escollido para facer unha pequena homenaxe, coa entrega dunha placa, á traxectoria do director da Banda de Música Municipal de Redondela, Jesús Martínez Álvarez, que dedicou toda unha vida á música.
A exposición contempla ademais un espazo para as bandas do concello, neste caso a Banda de Chapela e a mencionada Banda de Música Municipal de Redondela, que contan con vitrinas de pezas propias. Da Banda Municipal de Redondela poderán verse diplomas e premios de diferentes certames, tanto galegos coma estatais e internacionais, e unha mostra de instrumentos de vento. Da Banda de Chapela exponse o Diploma de Honra e a Medalla de Ouro ó Mérito da Cultura que lle foi concedida en 2002, así como diversas placas conmemorativas de certames e concertos que ofreceron no estranxeiro, como a que recibiron en Venezuela ou México.
A Banda de Música Municipal de Redondela foi fundada en 1950 e é unha das poucas bandas de titularidade municipal. Está composta por 54 músicos e músicas, e o seu artífice foi Víctor Ureña Revuelta; actualmente está dirixida por Jesús Martínez Álvarez. Mentres, a Banda de Chapela foi fundada no ano 1995. Está composta por 50 músicos e músicas, dirixida por Santiago Barreira Davila; tamén conta cunha escola de música con 30 alumnos.
A exposición “Bandas de Pontevedra. Homenaxe ás bandas da provincia” pode visitarse no Edificio Multiusos da Xunqueira ata o vindeiro 31 de outubro, de luns a venres, en horario de 9:00 a 14:00 horas e de 16:00 a 21:30 horas. A mostra iniciou o seu percorrido no concello de Portas e xa pasou por Lalín, Ponteareas, Cambados e Tui.




