spot_img
InicioPontevedra e ÁreaPontevedraA Deputación lanza un novo programa de visitas guiadas á Estación Fitopatolóxica...

A Deputación lanza un novo programa de visitas guiadas á Estación Fitopatolóxica Areeiro

un-grupo-de-93-nenos-e-nenas-do-ceip-carballal-de-marin-conecen-o-traballo-da-estacion-fitopatoloxica-de-areeiroAs visitas son gratuítas, para grupos de entre 2 e 30 persoas, e poderanse realizar de luns a sábado cunha duración aproximada de dúas horas

Revista Cousas de nº21

Despois do éxito da apertura dos xardíns da Estación Fitopatolóxica Areeiro, a Deputación de Pontevedra acaba de activar un novo programa de visitas guiadas ao centro de investigación agroforestal da institución provincial. Deste xeito, as instalacións do Areeiro ábrense ao público co fin de que a cidadanía coñeza tanto o traballo que se está a facer nas mesmas como os seus xardíns. Nas súas preto de seis hectáreas de superficie, conta con plantacións piloto de froiteiras, a colección de camelias da Deputación (con máis de mil exemplares), a primeira plantación de té de Galicia, un xardín de aromáticas e outras especies vexetais de interese.

Poden solicitar as visitas todas as persoas interesadas, enviando o formulario dispoñible no sitio web de Areeiro cunha antelación mínima de dous días naturais. No caso de que participen menores, deberán estar acompañados dunha persoa adulta (nai, pai ou titora) e contar coa autorización asinada destas no caso de que se trate dunha visita escolar. Se algunha das persoas participantes ten mobilidade reducida, deberase indicar no momento de enviar o formulario. Neste caso, tamén se recomenda contactar a través do enderezo electrónico de Areeiro para valorar as necesidades de medios de apoio dispoñibles.

As visitas son gratuítas e están abertas a grupos de entre 2 e 30 persoas. As persoas encargadas de realizalas son guías habilitadas co título de guía turístico de Galicia e realizaranse de luns a venres entre as 9:00 e as 14:00 horas e os sábados de 10:00 a 14:00 horas, cunha duración aproximada de dúas horas. Unicamente se poderá realizar unha visita por persoa ou grupo ao ano.

A Estación Fitopatolóxica Areeiro é un centro de referencia cun alto prestixio a nivel nacional e internacional debido ao seu labor no ámbito da sanidade vexetal, na investigación e experimentación sobre cultivos forestais, agrícolas ou ornamentais como a camelia, e tamén na defensa e conservación do patrimonio vexetal da provincia. O centro conta con laboratorios dedicados ao diagnóstico e investigación das pragas e enfermidades dos vexetais, á edafoloxía e a estudos de cultivos.

- Publicidade -spot_img