A obra, escrita por Enrique Mauricio e ilustrada por Carlos Taboada, está producida pola editorial Galaxia
O mundo da camelia e a súa presenza nas Rías Baixas chega agora ó mundo infantil da man da obra A fada das camelias, editada pola Deputación de Pontevedra e destinada ós primeiros lectores. Esta flor, tan característica das Rías Baixas, convértese en protagonista dunha historia na que tamén hai espazo para os sentimentos, a arte ou a música.
Así se puxo de manifesto esta mañá na rolda de prensa de presentación que tivo lugar no Pazo provincial e na que Francisco Castro, representante da editorial Galaxia (encargada da produción do libro), destacou que o obxectivo desta publicación “é divulgar o mundo da camelia” e a súa “dimensión enorme” na provincia, pero sempre coa vista posta en sacar á rúa un produto de “alta calidade literaria” e cunha presentación atractiva para o público obxectivo.
Iso logrouse cos textos de Enrique Mauricio e as ilustracións de Carlos Taboada, dous activistas culturais que forman o colectivo Polo Correo do Vento, especializado en contacontos para os máis pequenos.
Desta forma, tal e como subliñou a deputada Begoña Estévez, conséguese un libro “especialmente bonito” para un público para o que aínda non se fixera nada en relación a unha planta de especial arraigamento na provincia e “coa que a Deputación ten unha especial sensibilidade”.
Neste sentido, fixo fincapé na relevancia deste recurso tanto a nivel turístico coma económico e de dinamización social e cultural. Lembrou o éxito do Congreso Internacional da Camelia en Pontevedra, impulsado pola propia Deputación e a Sociedade Internacional da Camelia, que trouxo 250 congresistas de 16 países do mundo a esta cidade; a visita dunha delegación de 15 empresarios chineses, que estiveron onte nas Rías Baixas interesados en facer negocio no ámbito da camelia e noutros sectores; ou as 23 exposicións da camelia que se desenvolverán en 2015, das cales 15 serán na provincia de Pontevedra e as demais no resto de Galicia e no norte de Asturias.
Con respecto ó contido de A fada das camelias créase unha historia protagonizada por unha nena e a súa avoa. Ambas as dúas pasean por un xardín cheo de camelias, mentres a avoa lle vai explicando á pequerrecha historias fermosas asociadas a cada tipo de camelia. Así, a neta descobre que hai camelias relacionadas coa música, coa literatura, co amor… e, sobre todo, vai establecendo e apuntalando unha especial relación de confianza e agarimo coa súa avoa.
Un xeito diferente, a partir dun álbum ilustrado producido pola editorial Galaxia, de explicarlles ós nenos qué son as camelias e o fermoso universo que ten que ver con elas.



