A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, informou hoxe en rolda de prensa, que se van lanzar novas iniciativas a carón da camelia, que irán da man dunha nova plantación de ata 20 exemplares de camelia de té que permitirá organizar visitas guiadas, guías divulgativas para escolares e actividades para valorizar a futura colleita deste produto.
Carmela Silva tamén detallou o “forte pulo” que se lle vai dar neste primeiro trimestre de ano ao Castelo de Soutomaior, “que contribuirá a seguir consolidando este espazo como foco de atracción turística”.

A presidenta explicou que se van impulsar novas iniciativas relacionadas coa camelia, “a raíña de inverno nas Rías Baixas”, para enriquecer a visita ao Xardín de Excelencia Internacional que tamén ten o Selo Observer®.
En concreto, vanse lanzar “experiencias sensoriais” a carón da camelia que irán da man dunha nova plantación de ata 20 exemplares de camelia de té que permitirá organizar visitas guiadas, guías divulgativas para escolares e actividades para valorizar a futura colleita deste produto.

Amais, seguindo coa liña iniciada en marzo de 2020 coa posta en marcha do xardín de camelias con nome de muller –que conta xa cos exemplares María Vinyals, Bella Otero, Rosalía de Castro e Jane Andersen-, plantaranse dúas novas especies: a camelia Sofía Novoa, de cor rosa medio, e a camelia Juana de Vega, branca e rosada.

Silva tamén adiantou que neste ano no que se cumpre o centenario do pasamento de Emilia Pardo Bazán estase tamén iniciando o proceso para ter “unha flor de camelia co nome desta insigne muller”, que formará tamén parte do xardín.
Xunto a estas iniciativas, estase tamén a traballar na conservación do Castelo con obras que superan os 100.000 € centradas na cuberta e na fachada (rematarán a mediados de febreiro), na instalación de tubaxes e na reconstrución dun tramo de muro de acceso.



