spot_img
InicioBaixo MiñoA Deputación de Pontevedra reúne en Tomiño aos máximos especialistas en Cooperación...

A Deputación de Pontevedra reúne en Tomiño aos máximos especialistas en Cooperación Transfronteiriza de toda Europa

TOMIÑO - A nova AECT Río Miño 1

Deputación, Concello de Tomiño e CIM reclaman que “os fondos europeos destinados a cooperación transfronteiriza se destinen realmente á fronteira”

A Deputación de Pontevedra reúne en Tomiño aos máximos especialistas en Cooperación Transfronteiriza de toda Europa. A xornada, denominada ‘A nova AECT Río Miño dende unha visión comparada: a raia e Europa’, contou na sesión de apertura coa presenza da presidenta da Deputación, Carmela Silva, do deputado provincial de Cooperación Transfronteiriza, Uxío Benítez, do secretario territorial da Xunta, Ramón Pereiro, do director da Fundación Centro de Estudos Eurorrexionais Galiza-Norte de Portugal, Rubén C. Lois, do presidente da Cámara de Vilanova da Cerveira e representante do CIM Alto Minho, Joao Fernando Brito Nogueira, e a alcaldesa de Tomiño, Sandra González. Nas intervencións de apertura, tanto a presidenta da Deputación como o representante do CIM e a alcaldesa de Tomiño coincidiron nunha reivindicación unánime, ao insistir en reclamar que “os fondos europeos destinados a cooperación transfronteiriza sexan destinados realmente á fronteira”.

O 5 de maio celebrarase unha segunda xornada en Tui coa mobilidade transfronteiriza como eixo central

O obxectivo deste encontro, segundo indicou o deputado Uxío Benítez, “è o de coñecer experiencias exitosas no eido da cooperación entre territorios a nivel peninsular e europeo, para extraer conclusións e poñelas en práctica na AECT Río Miño”. Benítez aproveitou ademais para anunciar que o vindeiro 5 de maio o concello de Tui acollerá unha segunda xornada, cuxo tema central será a Mobilidade Transfronteiriza. Hai que lembrar que a día de hoxe, a Deputación de Pontevedra e a Comunidade Intermunicipal do Alto Minho están á espera da aprobación oficial para a nova AECT do Miño, que busca reforzar as sinerxías existentes entre ambas as beiras do río. Neste sentido, a presidenta do ente provincial, Carmela Silva, salientou que esta Agrupación “deber ser unha ferramenta útil, de desenvolvemento para a veciñanza do territorio da AECT, que cree espazos de oportunidades, que aposten pola creación de emprego, polas infraestruturas e polo medio ambiente”.

Pola súa banda, Ramón Pereiro insistiu en destacar a “homoxeneidade cultural deste territorio, o que favorece de xeito positivo a iniciativa e constitúe un elemento de unión”. O secretario territorial da Xunta fixo un percorrido polos proxectos de cooperación transfronteiriza que xa existen a nivel galego-portugués, para destacar a importancia deste tipo de iniciativas. Joao Fernando Brito Nogueira puxo en valor a necesidade de “pugnar polos dereitos do noso territorio” en referencia ao destino dos fondos europeos transfronteirizos, e na oportunidade de  “construír a partires da fronteira, coa vontade de ambas beiras do río de que a Agrupación sexa un éxito”.

A esta vontade tamén se referiu a alcaldesa da localidade, Sandra González ao sinalar que “en Tomiño ao igual que no resto da raia do Miño levamos moito tempo facendo cooperación, mesmo de xeito intuitivo”. Lembrou, ademais, que Tomiño e Vilanova da Cerveira plasmaron formalmente esta cooperación fai dous anos na Carta de Cooperación Transfronteiriza. Sandra González afirmou que “agora é o momento de dar máis pasos, e esta AECT é o instrumento que nos permitirá avanzar e chegar aos lugares nos que se toman as decisións con voz propia”.

a-deputacion-de-pontevedra-reune-en-tomino-aos-maximos-especialistas-en-cooperacion-transfronteiriza-de-toda-europa

A Agrupación Europea de Cooperación Territorial (AECT) Río Miño, que está en proceso de constitución, inclúe 16 concellos galegos (A Guarda, O Rosal, Oia, Tomiño, Tui, O Porriño, Salceda de Caselas, Salvaterra, Ponteareas, As Neves, Mondariz, Mondariz Balneario, Arbo, Crecente, A Cañiza e Covelo) e dez cámaras do Norte de Portugal (Melgaço, Monçao, Paredes de Coura, Valença do Minho, Vila Nova de Cerveira, Arcos de Valdevez, Caminha, Ponte da Barca, Ponte de Lima, e Viana do Castelo.

Experiencias e programa

Na xornada que desenvolvida en Tomiño, participaron personalidades tan destacadas como Slaven Klobucar, administrador das AECT e da Cooperación Transfronteiriza no Comité das Rexións, ou Martín Guillermo, secretario Xeral da Asociación de Rexións Fronteirizas de Europa, ambos os dous representantes de institucións de xestión das agrupacións europeas dentro da UE que falarán sobre as necesidades e oportunidades destas asociacións. No ámbito das experiencias internacionais concretas, destaca a participación de Johanna Fischer, xestora de proxectos da AECT Eurodistrict Saarmoselle (territorio franco-alemán) e de Zoltán Bará, director Executivo da AECT Pons Danubii (territorio húngaro e eslovaco).

A AECT Saarmoselle pretende promover a cooperación transfronteiriza entre o estado federado de Sarre e o departamento francés de Mosela en aras de aumentar o atractivo e a competitividade do territorio transfronteirizo, garantir o seu crecemento, emprego e calidade de vida. Así mesmo, o labor da entidade é defender os intereses da rexión transfronteiriza fronte a institucións rexionais, estatais e europeas. Neste sentido hai que sinalar que afecta a un territorio de máis de 600.000 habitantes e que, dende a súa creación en 2010, xa puxo en marcha varios proxectos, como a conexión por medio de liñas de autobús, o estudio de instauración dun ferrocarril urbano ou a valorización de contornos de paisaxe fluvial (‘A banda azul do Sarre’) e de patrimonio industrial (‘O roteiro do lume’). Entre os seus obxectivos futuros está a posta en marcha de escolas infantís transfronteirizas, a cooperación no ámbito da planificación urbanística e territorial ou mellorar a cooperación sanitaria.

a-deputacion-de-pontevedra-reune-en-tomino-aos-maximos-especialistas-en-cooperacion-transfronteiriza-de-toda-europa

Pola súa banda, a AECT Pons Danubii, artellada arredor do río Danubio, foi oficialmente rexistrada en decembro de 2010, sendo a decimoquinta agrupación de cooperación transfronteiriza da Unión Europea.

Tamén hai cabida para experiencias de AECT dentro da Península Ibérica, como  Xosé Lago, director da AECT Galicia-Norte de Portugal; Pablo M. Rivera, director executivo da AECT Eurocidade Chaves-Verín; José L. Pascual, director xeral técnico da AECT Duero-Douro; Francisco Muñoz, secretario técnico da Eurocidade do Guadiana ou Carmen Arribas, responsable técnica da AECT León-Bragança.

Como exemplo, o responsabe da AECT Duero-Douro, tamén organizada arredor dun río –igual que no caso do Miño-, explicará o funcionamento as características da agrupación, creadas en marzo de 2009 e que conta actualmente con 200 membros. Ata o de agora vén traballando en proxectos, con e sen financiamento comunitario, arredor da igualdade de oportunidades, do desenvolvemento económico e local, do transporte público, da I+D+i, e do turismo, a cultura e a acción social, entre outros ámbitos.

 

- Publicidade -spot_img