Inicio Pontevedra A Deputación de Pontevedra reabre o Castelo de Sobroso coincidindo coa Semana...

A Deputación de Pontevedra reabre o Castelo de Sobroso coincidindo coa Semana Santa

a-deputacion-de-pontevedra-reabre-o-castelo-de-sobroso-coincidindo-coa-semana-santaO interior do Castelo acolle a mostra “Calade que hai roupa ao sol!”, que amosa a evolución e usos sociais da roupa interior nos séculos XIX e XX

A Deputación de Pontevedra reabre desde este mércores as portas do Castelo de Sobroso coincidindo coa chegada da Semana Santa. Faino despois dunha extensa tarefa de posta a punto para corrixir certas deficiencias e carencias que presentaban problemas para o seu correcto funcionamento. Estas circunstancias fixeron necesario acometer obras que supuxeron un desembolso total da Deputación de Pontevedra superior aos 300.000 euros.

Coa súa reapertura, as persoas que decidan visitar o Castelo de Sobroso poderanse achegar ata este elemento do patrimonio fortificado do destino Pontevedra Provincia nos seguintes días e horarios: de martes a venres de 10:00 a 13:00 e de 17:00 a 20:00 horas e as fines de semana mailos días festivos entre as 10:00 e as 14:00 e entre as 17:00 e as 20:00 horas. Mantendo os seus horarios habituais, o Castelo permanecerá pechado os luns.

A Deputación de Pontevedra vén de investir un total de 314.386,81 euros para acometer as obras de conservación do Castelo de Sobroso, divididas en dúas intervencións nas que se actuou tanto na parcela como na muralla, na capela e na propia edificación do Castelo, obrigando a pechar o Castelo ao público.

En canto ao Castelo, a Deputación de Pontevedra interveu na restauración da carpintería de madeira nas portas; na restauración e substitución de fiestras; na renovación da instalación eléctrica, da iluminación exterior e do alumeado de emerxencia e sinalización; ou tamén na instalación de calefacción nas estancias onde se localiza o persoal do Castelo. A institución provincial tamén actuou na mellora da seguridade do Castelo coa colocación de extintores, dun sistema central de detección de fumes e lumes acompañado de sirenas e pulsadores e coa instalación dun sistema anti-intrusión nas salas, no corredor exterior, na torre e na capela, incluíndo un sistema de vídeo de vixilancia na entrada exterior, nas salas e na torre. Do mesmo xeito, actuouse na restauración das lámpadas dos salóns ou na dotación de ventilación dos aseos e mellora dos servizos hixiénicos. Tamén foron obxecto destas obras o levantado da cuberta de pedra dos salóns para a súa reposición (co que se conseguiu impermeabilizalos), a reparación do taboado de madeira en diversos puntos, que se atopaba danado pola entrada de auga, e a restauración do pavimento de madeira dos salóns e da torre.

En canto á parcela, procedeuse a limpar e desbrozar os camiños interiores de acceso ao Castelo, perfilando as cunetas e cortando as árbores e arbustos que os invadían. Ademais, limpáronse a mina e o depósito de auga, renovando tamén as tubaxes de abastecemento.

Na muralla, a Deputación de Pontevedra interveu na execución de dous portalóns de madeira de acceso, xa que o elevado grao de deterioro que presentaban os portalóns anteriores fixo imposible a súa restauración. Tamén se renovou a instalación eléctrica e de iluminación exterior e colocouse unha varanda de madeira na rampla de acceso ao Castelo, desde o camiño perimetral da muralla.

E finalmente, no que se corresponde coa capela, restaurouse a porta de acceso, impermeabilizáronse e limpáronse os faldóns da cuberta, substituíuse o faldón lateral e executouse unha canle de drenaxe nun dos laterais da capela para evitar filtracións de auga cara ao seu interior.

A maiores, tanto no caso da muralla como da capela e do propio Castelo, procedeuse á limpeza manual dos lenzos e das fachadas para a retirada da capa de detrito (unhas partículas de pequeno tamaño que ocasiona a erosión das rochas) e demais residuos acumulados sobre as pedras.

Máis actuacións do plan de posta en valor do Castelo de Sobroso

Estas obras acometidas pola Deputación de Pontevedra encádranse nun plan de posta en valor deste elemento do patrimonio fortificado que persegue por unha banda manter o patrimonio provincial en condicións óptimas, malia á falta de competencias da Deputación na materia, e pola outra banda converter o Castelo nun foco de atracción turística promovendo un tipo de turismo que atrae a un público con alto poder adquisitivo.

Deste xeito, anteriormente a estas obras a institución provincial xa investiu 120.000 euros (polo que na actualidade os investimentos xa se sitúan próximos aos 500.000 euros) para o acondicionamento dunha senda botánica no recinto con audioguías de aplicación móbil. As audioguías veñen con contidos en galego, castelán e inglés e a senda está provista tamén de dez paneis informativos, a meirande parte deles con códigos QR para facer unha visita máis interactiva e de calidade. Na actualidade, a Deputación de Pontevedra está á agarda de que a empresa adxudicataria das obras proceda ás labores de limpeza que permitirán poñer en marcha unha segunda senda botánica neste espazo.

Ademais, procedeuse á naturalización da contorna forestal dos xardíns mediante a retirada de especies invasoras, concretamente acacias e eucaliptos, co obxectivo de deixar visibles os restos históricos neste Ano do Patrimonio Europeo. No que ten que ver con este asunto, precisamente hai unhas semanas a Presidenta Carmela Silva amosou a súa preocupación pola demora por parte do servizo de Patrimonio da Xunta de Galicia á hora de autorizar a retirada dos eucaliptos dos terreos do Castelo de Sobroso. A Deputación de Pontevedra presentou a solicitude no mes de outubro de 2017 e, seis meses despois, segue sen ter unha resposta.

Unha mostra amosa a evolución da roupa interior

O interior do Castelo de Sobroso acolle a mostra “Calade que hai roupa ao sol!”, coa que a roupa tradicionalmente máis escondida, a interior, sae á luz para amosar a vestimenta das distintas clases sociais e coñecer a súa evolución ao longo de varias décadas de finais do século XIX e principios do XX, tanto por cuestións hixiénicas como de uso. Ademais, as persoas que visiten a mostra poderán coñecer os usos e costumes sociais relacionados con este tipo de indumentaria e as diferenzas de tecidos empregados na roupa interior das clases populares e a burguesía e fidalguía, entre outras cuestións.

 

- Publicidade -

ÚLTIMA REVISTA

+ VISTOS

SÍGUENOS

692FansGóstame
308SeguidoresSeguir

ETIQUETAS

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies