Carmela Silva sinalou que as visitas ao Castelo de Soutomaior, que comezan este xoves 25, son “un xeito divertido e interactivo de coñecer a nosa historia dirixido a toda a familia”
A Presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, informou esta mañá do inicio dunha nova edición das visitas teatralizadas ao Castelo de Soutomaior, unha iniciativa posta en marcha pola institución provincial o pasado ano, e que recibiu unha gran acollida por parte do público, quen esgotou as 840 prazas que se ofertaron en apenas uns días. Precisamente, foi este éxito de participación o que animou á Deputación a repetir a experiencia, ampliando nesta ocasión as inscricións ata as 1.020 e dándolle un novo enfoque, segundo explicou Carmela Silva.
Con estas visitas a Deputación de Pontevedra quere “ofertar unha forma diferente de descubrir e coñecer o Castelo de Soutomaior dirixida a todas as persoas que integran a familia, dende as máis pequenas ás maiores”, sinalou Carmela Silva. A empresa adxudicataria da actividade, Troula Animación S.L, será a encargada de dar vida a diferentes personaxes que guiarán aos e ás visitantes polo castelo “dun xeito divertido e interactivo para que as nenas e nenos poidan coñecer a súa historia dende un punto de vista moi próximo e participativo, de forma que cada visita sexa unha auténtica aventura” destacou a presidenta.
Nenas e nenos serán nomeados Cabaleiras e Cabaleiros do Castelo. Este ano amplíanse as prazas e as entradas poden adquirirse por internet
Así, nas visitas non faltarán cancións, xogos e animacións a través das que os e as visitantes irán coñecendo a historia de todas as personaxes históricas que pasaron polo Castelo de Soutomaior ou tiveron un vínculo con el. Ademais, todos os pequenos e pequenas serán obsequiados cunha medalla, que os nomeará como “Cabaleiros e Cabaleiras do Castelo de Soutomaior”, engadiu Carmela Silva.
Outra das grandes novidades deste ano é que as entradas para as visitas poderán adquirirse a través de internet en ataquilla.com. As entradas terán un custo de 2€ por persoa e un custe reducido de 1€ para os nenos e nenas, o que permitirá facilitar ás e aos visitantes os trámites e ter un mellor control do acceso público. En total ofreceranse 34 funcións de 45 minutos, catro máis que o ano pasado, para un máximo de 30 persoas por pase. As visitas deberán solicitarse como mínimo cunha semana de antelación á data prevista e non se poderán reservar máis de 5 prazas por persoa.
O calendario das visitas, que comeza este xoves 25 ás 17:00 horas, prolongarase ata o mes de setembro. No mes de maio haberá funcións os días 25 e 29, ás 17:00 horas. En xuño serán o 1, 5, 8 e 12, ás 17:00 horas, e os días 19, 22, 26, e 29, ás 18:00 horas. En agosto terán lugar os días 3, 7, 10, 14, 17, 21, 24, 28 e 31, ás 18:00 horas. Por último, en setembro serán os días 4 e 7, ás 18:00 horas e os días 11, 14, 18, 21, 25 e 28, ás 17 horas.



