spot_img
InicioVigo e áreaSoutomaiorA Escola María Vinyals desenvolverá dúas xornadas no mes de xunio

A Escola María Vinyals desenvolverá dúas xornadas no mes de xunio

-castelo-de-soutomaior-ofrece-visitas-teatralizadas-co-obxectivo-de-por-en-valor-o-noso-patrimonio
Emilia Pardo Bazán e María Vinyals nas visitas teatralizadas 2016

A Escola María Vinyals da Deputación de Pontevedra desenvolverá dúas xornadas sobre a muller na industria do viño en Cambados e sobre a lacra da violencia machista no Castelo de Soutomaior

A Presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, presentou hoxe as dúas xornadas que a institución provincial, a través da súa Escola de Igualdade María Vinyals, desenvolverá os vindeiros 10 de xuño en Cambados, a Cidade Europea do Viño, e o 15 de xuño no Castelo de Soutomaior, a sede da Escola. As xornadas terán como temática, respectivamente, as experiencias das mulleres no mundo do viño e a violencia machista.

“Así, con estes dous importantes eventos, a provincia de Pontevedra vaise converter na capital da Igualdade en xuño a través da Escola de Igualdade María Vinyals”, sinalou Carmela Silva, que lembrou que “é imprescindible centrar a loita pola Igualdade e contra a violencia machista, xa que é unha cuestión de ética social e política” e fixo referencia ao feito de que “non debería de ter deixado de existir un Ministerio de Igualdade, que representaba ao 52% da poboación e un instrumento fundamental e imprescindible nesta loita”. Carmela Silva lembrou que “dende que chegamos ao Goberno da Deputación de Pontevedra puxemos en marcha un servizo de Igualdade, inexistente ata o momento, e dentro del esta escola de igualdade, María Vinyals, a primeira da provincia e unha das poucas do Estado”.

“A experiencia das mulleres no mundo do viño”, en Cambados

O 10 de xuño en Cambados desenvolverase a xornada “Cambados Cidade Europea do Viño Pola Igualdade 2017. A experiencia das mulleres no mundo do viño”, no marco do convenio de colaboración asinado entre a Deputación de Pontevedra e o Concello de Cambados para promocionar o seu nomeamento como Cidade Europea do Viño. O obxectivo desta xornada, sinalou Carmela Silva, “é visibilizar o traballo das mulleres na viticultura, así como tamén impulsar o seu empoderamento”, para o que se creará “un espazo de encontro onde se poidan compartir experiencias e testemuñas de mulleres que participan no proceso de investigación, na elaboración ou ben na comercialización do viño en Galicia”, resaltou a Presidenta provincial.

Co Auditorio municipal (pola mañá) e as bodegas Martín Códax (pola tarde) como protagonistas, as persoas que queiran participar poderán inscribirse gratuitamente na páxina web da institución provincial (www.depo.gal) ata o vindeiro 6 de xuño, cun total de 100 prazas. A xornada está dedicada, preferentemente, a mulleres profesionais e emprendedoras do sector, mulleres que queiran orientar o seu desenvolvemento persoal e profesional no mundo do viño, pero tamén a persoal de organizacións públicas e privadas, orientadoras e orientadores laborais e profesionais afíns así como persoas con interese na viticultura. Nas distintas mesas redondas intervirán mulleres de todas as produtoras con denominación de orixe de Galicia, de INGAVI-FADEMUR, o Instituto Galego do Viño, a Misión Biolóxica de Galicia e demais mulleres profesionais do sector.

“Miradas Interdisciplinares sobre a Violencia de Xénero”, no Castelo de Soutomaior

Pola outra banda, o 15 de xuño será a quenda da xornada no Castelo de Soutomaior, sede da Escola, dedicada integramente á “peor lacra da nosa sociedade”, resaltou Carmela Silva, “que é a violencia machista”. O título desta xornada é “Miradas Interdisciplinares sobre a Violencia de Xénero”. A xornada contará cos relatos de “figuras das máis relevantes que existen no conxunto do mundo”, dixo a Presidenta provincial, da talla de Miguel Lorente (un dos grandes referentes, con preto de 100 publicacións e unha vintena de premios), Nuria Varela (“unha muller que na Igualdade é todo”, resaltou Carmela Silva, xornalista cunha ampla formación en Igualdade que no seu último libro, “Cansadas”, afirma que vivimos na sociedade do simulacro e nunha sociedade que segue a culpar ás mulleres da violencia en xeral e da violencia sexual en particular), Teresa Perato (licenciada en Dereito, compoñente do grupo de expertas do Observatorio Estatal de Violencia contra a Muller para a elaboración do primeiro informe anual do Observatorio Estatal de Violencia sobre a Muller no ano 2007), Luz Martínez (pedagoga feminista e secretaria de Muller e Políticas Sociais da UGT), Pilar Aguilar (especialista en cinema con perspectiva de muller) ou Mª Paz Aguilar (xuíza recoñecida que falará sobre a Lei de Protección Integral contra a Violencia de Xénero, así como a perspectiva europea nesta materia).

A Presidenta provincial resaltou que “a Lei Integral contra a Violencia de Xénero de 2004, que ten tido serios recortes de orzamentos para o seu desenvolvemento por parte do Partido Popular”, fala da violencia machista como unha das manifestacións “da discriminación, a situación de desigualdade e as relacións de poder dos homes sobre as mulleres que se exerce sobre nós” e, polo tanto, “dedicaremos esta xornada a denunciar esta situación que padecen milleiros de mulleres no Estado, en Galicia e na nosa provincia” porque “malia aos avances en materia de igualdade seguimos vivindo nun sistema onde o poder do maltratador se exerce de moi diferentes formas, como son a violencia física e psicolóxica, as agresións á liberdade sexual, as amezas, as coaccións ou a privación da liberdade polo mero feito de ser muller”.

A xornada dividirase en diversos coloquios pola mañá para dar paso, pola tarde, a tres obradoiros (estes últimos con aforo limitado en torno ás 30 persoas participantes). As persoas interesadas en inscribirse poderano facer gratuitamente a través da páxina web da Deputación de Pontevedra (www.depo.gal) ata o 12 de xuño e está destinada ao persoal técnico das Administracións locais, profesionais que traballan na loita contra a violencia machista e calquera persoa interesada nesta temática.

A Presidenta provincial lembrou que no que levamos de ano, 27 mulleres (dúas delas en Galicia) foron asasinadas pola lacra da violencia machista. Nos últimos dez anos, máis de 600 mulleres morreron no Estado a mans das súas parellas ou das súas exparellas “polo feito de ser mulleres, pola lacra que é a violencia machista”.

 

- Publicidade -spot_img