spot_img
InicioPontevedra e ÁreaA Deputación de Pontevedra leva “Fame de experiencias” a Fairway - III...

A Deputación de Pontevedra leva “Fame de experiencias” a Fairway – III Forum Internacional do Camiño de Santiago

A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, presentou este luns, na Feira Internacional do Camiño Fairway de Santiago “Fame de experiencias”.

Neste caso, as múltiples experiencias que se poden vivir percorrendo os Camiños cara Compostela que transcorren pola provincia, concretamente a gastronomía, o enoturismo, a cultura e a arqueoloxía, o termalismo e a camelia, foron as protagonistas dunha presentación, en palabras de Silva, “innovadora, que da a coñecer unha imaxe diferente e moderna da provincia de Pontevedra”.

A presentación va acompañada dun vídeo centrado, precisamente, neste “Camiño das experiencias, neste emoturismo ou turismo das emocións que é unha das características principais para elixir un destino e que nas Rías Baixas atopa o seu mellor lugar”. A presidenta estivo acompañada durante o acto polo actor galego Rubén Riós, coprotagonista da documental “Caminhos de Irmandade”. Riós puxo o punto nunha cuestión que, segundo destacou Silva, “sempre tratamos na Mesa do Camiño, que é a consecución dun camiño inclusivo, dunha ruta segura e accesible para que calquera persoa, independentemente das súas limitacións físicas ou intelectuais, poida vivir estas experiencias”.

Segundo confirmou a Presidenta, o obxectivo da presenza da Deputación neste evento é “colaborar co sector implicado no camiño, tanto o privado como o público, na labor de promoción e dinamización turística deste recurso.  Por iso habilitamos un espazo no noso stand gratuíto para que poidan usar como centro de reunións no marco da feira”. Deste xeito, esta mesma mañá presentouse a imaxe do stand que o goberno provincial trasladará a partir do domingo ata Compostela e onde as experiencias relacionadas coa gastronomía e o enoturismo,  a cultura e arqueoloxía, o termalismo e a camelia serán protagonistas.

Amais, e tamén no marco da Fair Way, a provincia está a acoller un fam trip integrado por xornalistas e hosters buyers para coñecer o Camiño Portugués pola Costa. Esta mesma mañá o grupo, integrado por persoas de España, México, Brasil, Canadá e Reino Unido, e medios “tan potentes” como o National Geographic, visitou o Castelo de Soutomaior da man da deputada de Cohesión Social e Xuventude, Digna Rivas.  “E é que queremos chegar a todas partes, queremos que ,como di a canción de Coque Malla en “Campeones”, toda a cidadanía “saia a camiñar, que se poñan en movemento” porque se o Camiño é Patrimonio da Humanidade, fagamos que sexa de todos e de todas”.

A presidenta recordou que pola provincia transcorren o Camiño Portugués, o Camiño Portugués pola Costa, a Vía da Prata, o Camiño de Inverno e a Ruta do mar de Arousa. Cada unha das rutas ofrecen, en palabras de Silva, “aos peregrinos e ás peregrinas a posibilidade de desfrutar de experiencias que enriquecen a viaxe e activan os cinco sentidos. Falamos de rutas que atravesan un territorio espectacular, que espertan unha auténtica fame de experiencias e converten ás vías cara Compostela pola nosa provincia en verdadeiros camiños das experiencias”. 

Silva asegurou que o goberno da Deputación leva dende o inicio da lexislatura traballando para impulsar o Camiño. Neste eido, recordou que xa no 2017 a presentación da institución provincial en Fitur centrouse en “Cruzando camiños” e que o goberno provincial creou, impulsou e lidera a Mesa Provincial do Camiño, sendo a única provincia galega cunha mesa específica do Camiño.D

- Publicidade -spot_img