spot_img
InicioVigo e áreaSoutomaiorA Deputación de Pontevedra investirá este ano 600.000 euros para converter ao...

A Deputación de Pontevedra investirá este ano 600.000 euros para converter ao Castelo de Soutomaior nun referente de turismo familiar

a-deputacion-de-pontevedra-investira-este-ano-600-000-euros-para-converter-ao-castelo-de-soutomaior-nun-referente-de-turismo-familiar

Carmela Silva presentou as novas rutas de sendeirismo creadas no Castelo de Soutomaior e anunciou investimentos de preto de 4 millóns de € no recinto para os próximos dous anos

A presidenta da Deputación, Carmela Silva, acompañada do alcalde de Soutomaior, Agustín Reguera, e do deputado provincial de Turismo, Santos Héctor Rodríguez, presentou esta mañá as tres novas rutas de sendeirismo creadas no Castelo de Soutomaior ao abeiro do Plan de Usos do edificio. No marco deste plan, Silva anunciou un investimento de preto de 4 millóns de € nos próximos dous anos, dos cales neste ano a institución provincial achegará 600.000 € para, entre outras cuestións, a musealización do Castelo de Soutomaior.

Carmela Silva manifestou que o obxectivo da Deputación de Pontevedra é o de “converter ó Castelo de Soutomaior nun referente turístico na provincia dirixido ó público familiar e por iso estamos a poñer en marcha actuacións como as tres novas rutas de sendeirismo e outras moitas ligadas ao enoturismo, á camelia e á cultura, reeditando as visitas teatralizadas pero impulsando novas actividades como obras de teatro ou tardes de cinema ao aire libre”.

En concreto, esta mañá a Presidenta da Deputación acompañada do alcalde de Soutomaior e do deputado de turismo percorreron unha das tres novas rutas que a institución provincial puxo en marcha no recinto do Castelo e abranguen preto de 5 quilómetros de percorrido.  A ruta que seguiron, denominada “das camelias”, ten 900 metros de distancia e discorre, tal e como asegurou Silva, “arredor do castelo, comezando na escalinata de acceso ao parque e bordeando as edificacións do Castelo a carón das que se sitúan exemplares de camelias do século XIX e árbores singulares de Galicia como a sequoia, o falso ciprés de Lawson, un cedro xaponés e unha araucaria chilena”.

Xunto á “ruta das camelias”, a institución provincial puxo tamén en marcha dúas rutas circulares denominadas “ruta da Fraga” e “ruta dos viñedos”. A primeira delas ten un percorrido de 2,1 quilómetros que atravesan dende un pequeno regato ata lugares como a capela de San Caetano, a cadeira da Raíña e bosques de castiñeiros e carballos. A segunda delas, cunha distancia de 1,9 quilómetros, permite ás persoas interesadas visitar as 3,5 hectáreas de viñedos Rías Baixas que existen – tal e como manifestou Carmela Silva – no parque do castelo.

Ao respecto destas actuacións, o alcalde de Soutomaior, Agustín Reguera, agradeceu a “lealdade institucional sincera da Deputación de Pontevedra que está a permitir poñer en valor o recinto do Castelo de Soutomaior” e amosou a súa “colaboración con todo o que ten que ver coa promoción turística deste recinto”.

- Publicidade -spot_img