spot_img
InicioO SalnésArousaA Deputación de Pontevedra inicia as escavacións no Castro de Alobre en...

A Deputación de Pontevedra inicia as escavacións no Castro de Alobre en Vilagarcía de Arousa

O vindeiro 1 de febreiro comeza a intervención arqueolóxica no Castro de Alobre de Vilagarcía de Arousa,enmarcada no protocolo asinado entre a Deputación de Pontevedra e o Ministerio de Fomento para a posta en valor dos xacementos galaico-romanos na provincia de Pontevedra.

a-deputacion-de-pontevedra-inicia-as-escavacions-no-castro-de-alobre-en-vilagarcia-de-arousaEsta escavación, que se estenderá durante catro meses, busca propiciar a transmisión do coñecemento do ben arqueolóxico á sociedade, a súa valorización e o impulso do aproveitamento turístico do mesmo. En concreto, as tarefas que se realizarán teñen por obxectivo o acondicionamento do sector visible e o seu contorno inmediato así como actuacións encamiñadas a evitar alteracións das estruturas; a consolidación e restauración dos restos exhumados; a recreación de elementos singulares; a instalación de elementos adecuados para facilitar a circulación do visitante polo xacemento, impulsando a accesibilidade; a instalación de elementos explicativos que contribúan a explicar o xacemento e a iluminación da área de intervención.

A través da escavación, se prevé a aparición de estruturas e materiais arqueolóxicos que permitirán afondar no coñecemento do xacemento do Castro de Alobre. Para elo aplicarase metodoloxía arqueolóxica innovadora e a realización de mostras que permitirán descubrir máis aspectos da cultura castrexa. Neste contexto, preténdese aportar datos para o mellor coñecemento das relacións comerciais da fase final da cultura castrexa no seu tránsito de cara a outras formas de ocupación do territorio nas Rías Baixas, así como comprender como a proximidade do medio marítimo e a pesca era a base da súa economía e subsistencia.

A nova campaña arqueolóxica que se vai poñer en marcha no xacemento vilagarciá prevé escavar 400 metros cadrados máis de superficie. Os traballos, que terán unha duración de catro meses, comezarán a realizalos inicialmente 12 persoas: 3 arqueólogos, 8 auxiliares e 1 restaurador. O equipo irase incrementando paulatinamente con máis persoal a medida que a empresa contratada pola Deputación de Pontevedra remate os traballos que están a realizar en Santa Tegra.

As escavacións financiadas polo organismo provincial intégranse nun proxecto máis amplo promovido polo Concello de Vilagarcía para poñer en valor o enclave arqueolóxico e histórico máis importante da vila. Cun investimento superior ós 600.000 euros serán tres os proxectos a realizar, xa que ademais desta campaña arqueolóxica, levarase a cabo a musealización do xacemento, a mellora do acceso dende Vista Alegre e o acondicionamento da zona de esparexemento do parque.

O Castro de Alobre, de titularidade do Concello de Vilagarcía de Arousa, atópase en mal estado en pleno casco urbano da localidade. As investigacións realizadas ata o momento sinalan que o castro estivo ocupado entre os séculos I a.C. e o II d. C, acadando o máximo apoxeo durante o imperio de Augusto e a dinastía Xulio ¨C Claudia. Trátase dun castro de importantes dimensións emprazado nunha punta costeira, que estaba defendido polo mar e as marismas da desembocadura do río Con, nun rico contorno con recursos agrícolas e pesqueiros.

Durante a vixencia das escavacións, o Concello de Vilagarcía de Arousa organizará visitas guiadas por técnicos para os colexios e incorporará a escavación como un dos recursos a visitar nos itinerarios turísticos da localidade.

As actuacións no castro de Alobre forman parte dunha serie de intervencións que a Deputación de Pontevedra está a desenvolver en 18 xacementos galaico-romanos da provincia de Pontevedra entre os que se atopan, ademais de Alobre, o Castro de Santa Trega en A Guarda,  Castro de Facho de Donón en Cangas, Castro de A Lanzada en Sanxenxo, Porta de Arcos en Rodeiro, Mercado dos Mouros en Valga, Igrexa Vella en Valga, Monte do Castro en Ribadumia, Adro Vello en O Grove, Castro de Troña en Ponteareas, A Cabeciña en Oia, Castrolandín en Cuntis, Alto da Cruz do Castro en Cotobade, Castro de A Subidá en Marín, Castro de Toiriz en Silleda, Coto de Altamira en As Neves, Alto dos Cubos en Tui, Castro de Penalba en Campo Lameiro.

- Publicidade -spot_img