Inicio Pontevedra A Deputación de Pontevedra e Fademur firman un convenio de colaboración para...

A Deputación de Pontevedra e Fademur firman un convenio de colaboración para visibilizar o emprendemento feminino no rural

A visibilización dos proxectos emprendedores no rural e a loita contra a violencia de xénero serán os principais obxectivos da iniciativa

A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, e a presidenta da Federación de Asociacións de Mulleres Rurais de Galicia (Fademur), Rosa Arcos, asinaron esta mañá un convenio de colaboración por importe de 10.000€ para a realización dun proxecto de visibilización das mulleres do rural que se centrará na loita contra a violencia de xénero e na posta en valor dos traballos de emprendemento realizado por mulleres do rural da provincia.

Carmela Silva manifestou que “o rural non ten futuro sen as mulleres, e iso significa que é fundamental que as administración poñan recursos a disposición deste tipo de asociacións”. Nesta mesma liña a presidenta da Deputación sinalou que Fademur “é unha das asociación máis potentes coas que contamos e que mellor defende ás mulleres do rural” polo que se sinte moi satisfeita por ter pechado este convenio.

O proxecto está dirixido a mulleres traballadoras ou paradas que viven no medio rural, que figuran como colaboradoras nas explotacións agrarias, ás produtoras de alimentos e ás artesás. Entre os obxectivos principais da iniciativa está a loita contra a violencia machista no rural, xa que, como explicou a presidenta de Fademur, Rosa Arcos, “non hai estatísticas que permitan saber se hai máis ou menos violencia no medio rural pero si que existe unha violencia rural distinta provocada polo propio entorno, pola presión social, pola convivencia familiar e porque son núcleos moito máis endogámicos”, o que fai necesario o desenvolvemento de mecanismos diferentes para detectar os casos de violencia de xénero no rural e para loitar contra esta lacra.

Por outro lado o proxecto pretende visibilizar o traballo das mulleres do rural que teñen proxectos de emprendemento de diferentes tipoloxías como pode ser a artesanía, porque “ás veces é complicado dar a coñecer eses proxectos e poñerlle cara”, indicou Arcos e asegurou que  “as mulleres son unha parte importantísima da actividade económica do medio rural”.

Ademais do citado, o programa de visibilización tamén inclúe iniciativas de formación e información sobre a Lei de titularidade compartida, lei que persegue promover a titularidade compartida das explotacións agrarias como un vehículo para alcanzar a equiparación entre mulleres e homes no sector, pero á que poucas explotacións se teñen acollido ata a data porque a norma aínda non está ben desenvolvida e porque hai moita desinformación.

Tamén se realizarán outras actuacións dirixidas a proporcionar formación e información en emprendemento e autoemprego, visibilización dos productos agroalimentarios e artesanais e ofrecer estratexias para o uso das novas tecnoloxías nas canles de comercialización dos produtos no rural.

Arcos agradeceu o recoñecemento que a Deputación fai ás mulleres do rural mediante este convenio xa que “a provincia de Pontevedra ten unhas zonas urbanas moi destacables pero  tamén ten moitísimo rural e hai moitísima economía vinculada a el” e para “manter un rural vivo” é indispensable que as mulleres estean integradas, non sexan discriminadas, gocen de capacidade de emprendemento e conten co apoio institucional.

Fademur é unha organización progresista que loita pola visibilización do papel das mulleres no medio rural, apostando pola igualdade e o progreso das mesmas como ferramenta fundamental de integración e mellora da súa posición na sociedade. A asociación agrupa en Galicia  a 54 entidades de mulleres rurais e en Pontevedra a 31 entidades entre colaboradoras e asociadas, co cal teñen presencia en practicamente en toda a provincia.

 

 

- Publicidade -

ÚLTIMA REVISTA

+ VISTOS

SÍGUENOS

692FansGóstame
311SeguidoresSeguir

ETIQUETAS

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies