·Publicidade ·spot_img
InicioO MorrazoCangas do MorrazoA Deputación agarda bater récords de participación na última carreira do Tour...

A Deputación agarda bater récords de participación na última carreira do Tour Running Rías Baixas, que se disputará en Cangas

O circuíto de carreiras péchase co XLI Trofeo Concello de Cangas, a segunda proba máis antiga do calendario galego

A Deputación agarda bater récords de participación na última carreira do Tour Running Rías Baixas, que se disputará en CangasA Deputación de Pontevedra agarda pechar o seu circuíto de carreiras Tour Running Rías Baixas cun récord de participación na vila de Cangas. Así o expresou esta mañá a deputada responsable de Deportes, Begoña Estévez, na presentación da XLI Trofeo de Pedestrismo Concello de Cangas-Memorial Pepe Cordeiro, a segunda proba máis antiga do calendario galego de carreiras populares e que foi a elixida pola Deputación para formar parte do Running Rías Baixas como proba final.

A carreira disputarase o domingo 7 de decembro e contará con dous percorridos diferenciados, un para a categoría absoluta, con saída desde a explanada do porto de Aldán e remate na alameda vella, despois de achegarse ata a rotonda que enlaza co Corredor do Morrazo, e outro percorrido interior polo centro da vila para as categorías comprendidas entre minibenxamín e xuvenil.

O prazo de inscrición estará aberto ata o vindeiro 2 de decembro ás 23:30 h na web www.championchipnorte.com e os organizadores calculan que se superarán amplamente os 800 participantes da pasada edición desta proba.

Neste sentido o atleta Víctor Riobó, que colabora coa organización do Running Rías Baixas, lembrou as dúas probas disputadas no marco deste circuíto (as carreiras Eurocidade Tui-Valença e a do Carneiro ó Espeto de Moraña), case duplicaron o índice de participación este ano, coincidindo coa súa inclusión no mencionado circuíto impulsado pola Deputación.

A carreira de Cangas será a definitiva e permitirá coñecer o gañador do circuíto, organizado como se fose unha carreira por etapas, na que o campión será o que acade o mellor tempo acumulado das tres probas.

Percorridos

A presidenta do Club de Atletismo Vila de Cangas, M.ª Carmen Parada, aclarou que as probas darán comezo ás 10:00 h da mañá, coa da categoría benxamín, para nenos e nenas nacidos en 2006 e 2007, que contará cun percorrido de 500 m.

Ás 10:15 h será a quenda dos alevíns (nacidos en 2004 e 2005), cun percorrido de 1.000 metros. A continuación sairán os infantís (nacidos en 2002 e 2003), que partirán ás 10:30 h para percorrer 1.500 metros; os minibenxamíns (entre 2008 o 2009) que correrán 250 metros ás 10:45 h. Quince minutos máis tarde, ás 11:00 h, sairán as participantes en cadete feminino, cun percorrido de 2.000 metros, e 3.000 metros percorrerán os cadetes masculino, que sairán ás 11:15 h.

As probas no centro da vila pecharaas a categoría xuvenil/júnior, na que compiten os nacidos entre 1996 e 1999 e que farán un circuíto de 6 quilómetros.

No que respecta á categoría absoluta (para persoas nacidas en 1995 ou antes) a proba iniciarase na explanada do porto de Aldán ás 12:15 horas e contará cun percorrido de 10 quilómetros.

Festa do atletismo

O alcalde de Cangas, José Enrique Sotelo, subliñou que se trata dunha proba moi consolidada non só no concello senón en toda a comarca, onde o día da súa celebración se concibe como unha “verdadeira festa do atletismo”.

Así, animou a todos os afeccionados a este deporte a acudir ó Morrazo o 7 de decembro para gozar desta proba e dos atractivos do concello de Cangas, un municipio que, en palabras do concelleiro de Deportes da localidade, Francisco Javier Soliño, vive un ano cunha apertada e destacada axenda deportiva, na que destacan o paso da Volta Ciclista, a presenza da Selección Española de Balonmán e esta tradicional carreira pedestre.

- Publicidade -spot_img

Publicidade
Publicidade