Inicio Vigo e área Vilaboa A danza das madamas e galáns, protagonista na presentación do Entroido de...

A danza das madamas e galáns, protagonista na presentación do Entroido de Cobres na sede de Turismo Rías Baixas

A danza das madamas e galáns, protagonista na presentación do Entroido de Cobres na sede de Turismo Rías BaixasMadamas e galáns danzarán ao son da música no centro da cidade, e entre os días 22 e 25 de febreiro a festa encherá de música e cor todas as parroquias do Concello de Vilaboa

O Palacete de las Mendoza, sede de Turismo Rías Baixas, acolleu a presentación do Entroido de Cobres, unha festa declarada de Interese Turístico de Galicia que encherá de música e cor mañá pola tarde o centro de Pontevedra, e entre os días 22 e 25 de febreiro percorrerá os barrios e parroquias de Vilaboa, concello do que procede esta manifestación cultural centenaria. A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, animou á cidadanía da provincia a coñecer e vivir esta “tradición marabillosa, colorista e única” na que madamas e galáns, ataviados con vistosas vestimentas, danzan ao son dos instrumentos musicais.

“A sede de Turismo Rías Baixas énchese hoxe de cor, de tradición e de orgullo dunha cultura propia moi diversa. Dun Entroido que nos diferencia do resto de Galicia, España e o mundo”, salientou a presidenta, que anunciou o apoio da institución provincial ao Concello de Vilaboa nas xestións para obter a declaración de Festa de Interese Turístico Nacional. “Sen dúbida imos conseguir este distintivo para o Entroido de Cobres”, apuntou, para engadir que “é un patrimonio inmaterial potentísimo , diferente e auténtico”.

Carmela Silva eloxiou a minuciosa ornamentación dos traxes e recoñeceu o traballo de todas as veciñas e veciños que se implican para manter vivo o Entroido de Cobres. “É unha mostra do cariño que ten a xente de Vilaboa a esta tradición”, apuntou, acompañada da tenente de alcalde de Vilaboa, Ornela Fernández, e dos responsables da Asociación Cultural Cobres, encargada da organización da festa. Unha das madamas e un dos galáns bailaron unha peza ao son da música para mostrar a beleza da danza e a coidada ornamentación dos traxes, con vistosas cintas de cores e abelorios de todo tipo, desde brillantes e cadeas ata fragmentos de espello e bonecos.

Tirón turístico

A tenente de alcalde de Vilaboa manifestou que o Entroido de Cobres é unha representación “diferente a todas, que combina o colorido coa danza tradicional e representa a máxima expresión das nosas tradicións”. Ornela Fernández explicou tamén que, grazas ao atractivo deste patrimonio inmaterial, o Entroido é unha das épocas de maior tirón turístico en Vilaboa. “Agora queremos conseguir a declaración de Festa de Interese Turístico Nacional”, indicou, para agradecer o apoio da Deputación na promoción do Entroido de Cobres.O vicepresidente da Asociación Cultural Cobres, Daniel Somoza, explicou que a tradición remóntase, segundo diversos escritos, ao século XV. “Os traxes teñen moito colorido, e o que hoxe é bixutería no pasado era ouro. Íase casa por casa a buscalo para adornar a vestimenta”, relatou, e agradeceu ás persoas que participan na festa a súa implicación.

Na danza as madamas van ataviadas con vistosas saias de encaixe e blusa branca, cun peto repleto de adornos, con cintas de cores e un espectacular sombreiro de composición floral. “É unha verdadeira xoia artesanal e hai que estar en moi boa forma para bailar”, comentou a presidenta da Deputación. Os galáns tamén portan sombreiro, máis lixeiro, e unha vestimenta con adornos, cintas e cores similares aos das madamas.

Danzas en Pontevedra

Madamas, galáns e outros personaxes como as “aldeás” e “os de branco” participan, xunto coas músicas e músicos, neste Entroido que percorre os barrios e parroquias de San Adrián e Santa Cristina de Cobres. A veciñanza de Pontevedra poderá admirar este espectáculo na tarde de mañá venres no centro monumental da cidade. Ata 30 persoas desfilarán polas prazas e rúas con paradas para danzar en lugares representativos como A Peregrina ou a Praza da Ferrería. Madamas e galáns danzarán ante o público ao son da gaita, o tambor, as pandeiretas o bombo e os clarinetes.

A danza é o elemento central do Entroido de Cobres pero a programación abarca actuacións de orquestras, agrupacións folclóricas e outras actividades como a Corrida do Galo, que pecha a festa o Martes de Carnaval. “Animo a todo o mundo a gozar deste magnífico espectáculo musical, cultural e visual. É único en Galicia”, concluíu Carmela Silva.

- Publicidade -

ÚLTIMA REVISTA

Publicidade

+ VISTOS

Publicidade
Publicidade



Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies