·Publicidade ·
mobipark
mobipark
InicioBaixo MiñoA Cruz de Lampedusa visita Oia na súa peregrinación pola Diocese Tui-Vigo

A Cruz de Lampedusa visita Oia na súa peregrinación pola Diocese Tui-Vigo

A Cruz de Lampedusa visita Oia na súa peregrinación pola Diocese Tui-VigoEsta cruz símbolo das persoas migrantes poderá contemplarse na igrexa parroquial de Santa María de Oia

A Cruz de Lampedusa, así chamada por estar construída con restos de embarcacións de migrantes naufragados nesa illa do Mediterráneo, visitará Oia este martes dentro da peregrinación pola Diocese de Tui-Vigo que está a desenvolver durante os meses de marzo e abril.

O paso polo municipio enmárcase na iniciativa “Viaxe da Cruz de Lampedusa”, que busca transmitir unha mensaxe de solidariedade e paz entre as cidades, comunidades, parroquias e culturas.

A cruz chegará ás 12.00, daráselle acollida cunha oración na igrexa parroquial de Santa María de Oia e o templo quedará aberto permanentemente desde esa hora para a xente que queira achegarse a orar ante ela ou contemplala.

Posteriormente, ás 17.00 horas haberá unha oración ante a cruz e a continuación celebrarase a misa das 18.00 horas, na que se pedirá especialmente por todos os emigrantes, persoas enfermas e por todos aqueles que están a pasar por algún momento de cruz na súa vida.

Historia da Cruz de Lampedusa

O 18 de xullo de 2013 o Papa Francisco realizou a súa primeira viaxe apostólica, para a que escolleu a illa italiana de Lampedusa. Nesa ocasión, o Pontífice celebrou a Santa Misa nun altar construído sobre un caiuco naufragado, tendo ante os seus ollos un Mar Mediterráneo que ía camiño de se converter nun cemiterio de migrantes.

O 3 de outubro dese mesmo ano produciuse un novo naufraxio fronte ás costas desa illa, un tráxico suceso no que faleceron máis de 360 persoas. Ante estes feitos o Papa clamou de novo ante o mundo: “Vergoña! Só me ven a palabra vergoña, é unha vergoña”, lamentaba naquel momento.

Neste contexto de traxedia humanitaria, o artista Franco Tuccio construíu a que agora coñecemos como a Cruz de Lampedusa: unha estrutura de 2,6 metros de longo e 1,5 metros de ancho feita cos restos de barcas naufragadas na illa italiana.

A cruz foi levada a Roma o 9 de abril de 2014 para ser bendita polo Papa, quen suxeriu que se convertese nunha cruz peregrina que levase unha mensaxe de solidariedade a todo o mundo. Desde entón, ten viaxado a numerosos puntos coa súa mensaxe de paz e solidariedade.

Esta “Viaxe da Cruz de Lampedusa” está promovida pola fundación “Casa do Espírito e das Artes” a cal, desde hai anos, traballa en Milán nos eidos da cultura, a música e as artes como instrumentos de servizo aos estratos máis febles da poboación, en particular dos nenos e nenas e da mocidade que vive en situacións de grave dificultade social.

A “Croce di Lampedusa” –segundo o seu nome en italiano- está confiada a un relevo espontáneo que xa a ten acompañado en máis de 2.400 lugares de culto en Europa e en todo o mundo, incluídas igrexas e santuarios.

Debido á crise do coronavirus a súa peregrinación atopábase interrompida para evitar reunións con moita xente, permanecendo na parroquia dos Padres Trinitarios de Alxeciras, os cales xestionan un centro de acollida para persoas excluídas, a maioría migrantes. Actualmente atópase de viaxe pola Diocese de Tui-Vigo, peregrinación que inclúe a parada prevista en Oia.

- Publicidade -spot_img

Publicidade



Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies