
O sábado 4 de setembro ás 09:00h a Comunidade de Montes Veciñais en Man Común (CMVMC) de Beluso organizará a 2ª Xornada de Voluntariado para a Erradicación de Acacias en Cabo Udra, espazo natural integrado na Rede Natura 2000 e Zona de Especial Conservación (ZEC).
O método escollido non emprega produtos químicos senón que consiste en arrincarlle a cortiza ás árbores desta especie invasora; deste xeito córtase a circulación do zume cara ás raíces, o que fará que transcorridos uns meses a árbore termine por secar.
Para esta actividade a CMVMC de Beluso contará coa participación das súas propias comuneiras e comuneiros así coma de persoas voluntarias. As persoas interesadas terán que cubrir un formulario de inscrición a fin de facilitar os datos precisos para formalizarlles un seguro de accidentes.
As persoas participantes deberán traer a súa propia ferramenta así coma guantes. O máis axeitado é unha pequena machada, ou unha fouciña.
A organización facilitaralles auga durante as tarefas e ao remate das mesmas convidará aos voluntarios a un aperitivo en sinal de agradecemento.
Pódese formalizar a inscrición até o mércores 1 de setembro a través da ligazón: https://forms.gle/U5dwYUBandAn7TKR6
O punto de encontro será a Aula da Natureza en pleno Cabo Udra. Os traballos de descortizado desenvolveranse de 09:00h a 12:00h.
Para máis información dirixirse preferiblemente por correo electrónico a comunidademontesbeluso@gmail.com
Quen non dispoña de email pode contactar no número de teléfono móbil 684371606.



