·Publicidade ·spot_img
InicioBaixo MiñoA GuardaA comisión organizadora da homenaxe a Eliseo Alonso da por concluído seu...

A comisión organizadora da homenaxe a Eliseo Alonso da por concluído seu labor

A comisión organizadora da homenaxe a Eliseo Alonso da por concluído seu laborOs actos na lembranza do insigne escritor, etnógrafo, poeta e xornalista, terán lugar na vila de A Guarda, o sábado día 27 de novembro

A relación de amizade, apoio á diversas iniciativas, colaboración, difusión e investigación dos valores patrimoniais vencellados coa cultura mariñeira , e as nosas tradicións,…, que ao longo da súa andaina vital mantivo Eliseo Alonso Rodríguez (Goián – Tomiño, 1 de marzo de 1924 – La Habana – Cuba, 18 de novembro de 1996), coas xentes de A Guarda, son, entre outras, algunhas das razóns polas cales, desde fai anos, varias persoas da vila guardesa, relacionadas co mundo da cultura, viñan propoñendo un público recoñecemento institucional á figura do escritor, etnógrafo, poeta e xornalista goianés. Esa proposta foi en boa hora acollida e tida en unánime consideración polos portavoces dos grupos municipais representados na Corporación Municipal do Concello de A Guarda. Partindo desa premisa, foi creada – como xa se informou oportunamente –  unha Comisión Organizadora da Homenaxe a Eliseo Alonso Rodríguez, que ao longo deste ano 2021 viu realizando seu labor, focalizado nas diferentes áreas nas que o ilustre polígrafo desenvolveu súa actividade creativa, divulgadora e investigadora. De xeito paralelo, os componentes da devandita comisión, mantiveron unha constante e fluída relación coa familia de Eliseo Alonso, coñecedora e partícipe, desde o primeiro momento, do obxectivo proposto.

A día de hoxe, unha vez concretados os contidos do programa de actos e a data da homenaxe institucional e cívica, a devandita Comisíón Organizadora da por concluido seu labor, pendente únicamente da instalación das exposicións (unha filatélica e outra biobibliográfica), que serán anunciadas oportunamente, e que poderán visitarse na Casa dos Alonso, do 27 de novembro ao 10 de decembro de 2021.

Como avance dos actos previstos, podemos adiantar que a homenaxe a Eliseo Alonso Rodríguez terá lugar o día 27 de novembro, ás 11:00 horas, no Salón de Plenos da Casa do Concello (Praza do Reló, nº 1), de A Guarda. Comezará cunha sesión plenaria extraordinaria da Corporación Municipal, presidida polo alcalde Antonio Lomba Baz. Nesa sesión, segundo o establecido no Regulamento de Honras e Distincisóns,  procederase a declarar a Eliseo Alonso Rodríguez, Fillo Adoptivo de A Guarda, a título póstumo.

A continuación será presentada unha nova edición – en galego -,  promovida pola Deputación de Pontevedra e o Concello de A Guarda, do libro “Gamelas e Mariñeiros”, de Eliseo Alonso.

Momentos despois, terá lugar a inauguración dunha exposición filatélica adicada a Eliseo Alonso, que contará cunha tarxeta postal ilustrada personalizada e franqueada con un selo personalizado; un selo personalizado coa gamela a vela de A Guarda; e un sobre ilustrado co cuño postal conmemorativo.

Nesa mostra filatélica participarán os seguintes expositores, coas respectivas coleccións: Luciano Lomba Vicente, con “Enteros postales ilustrados de España”; Marcelino Portela Lorenzo, con “Entretenimientos”; Marta Verde Rodríguez, con “Al son de la gaita”; José Ángel Gándara Rodríguez, con “El fechador de 1842 en Galicia”; Teodosio González Ferreira, con “Jack. Una historia inacabada”; Almudena Taboada Lago, con “Terra Australis Ignota”; Cristina Domínguez Rotea, con “Izando velas, descubrimos y comercializamos”; Alfonso Dorado Senra con “Lorca y su entorno”; e Antonio Martínez Martínez con “Escritores gallegos”.

Unha vez posto en circulación o material filatélico deseñado específicamente para esta exposición, procederase á inauguración da exposición biobliográfica que leva por título xenérico: Eliseo Alonso. Camiñando cara ao mar da Guarda.

Para esa mostra, os organizadores fixeron un labor de síntese da singradura literaria de Eliseo Alonso Rodríguez, ofrecendo unha panorámica da producción (poética, prosística, xornalística,…) deste prezado autor, así como diversos documentos gráficos directamente relacionados coa súa figura, así como con persoaxes como Antonio Fernández Gómez, Eduardo Blanco Amor, Fermín Bouza Brey, Xosé Otero Abeledo (Laxeiro), Xavier Pousa Carrera, Xoán Piñeiro Nogueira,…, e por suposto, algunas figuras icónicas de A Guarda, como Santiago Baz Lomba (O Tío Santiaguiño), Manuel Cadilla Baz,…

Serán, pois, dúas exposicións que foron concibidas para seu desfrute por toda á cidadanía, en xeral, e con vocación do seu aproveitamento polos docentes e escolares de A Guarda e súa contorna.

A xornada de homenaxe a Eliseo Alonso terá como colofón á inauguración dun monumento a súa lembranza, realizado por alumnos da Escola de Cantería, da Deputación de Pontevedra. A obra, en pedra do país, será ubicada preto do mar que tanto atraía ao escritor miñoto, e por suposto, preto tamén da veciñanza de A Guarda, coa que Eliseo Alonso mantivo sempre unha especial simbiose.

- Publicidade -spot_img

Publicidade
Publicidade