·Publicidade ·spot_img
InicioGaliciaA CoruñaA Casa-Museo Emilia Pardo Bazán conmemora o centenario do pasamento da autora

A Casa-Museo Emilia Pardo Bazán conmemora o centenario do pasamento da autora

A Casa-Museo Emilia Pardo Bazán conmemora o centenario do pasamento da autoraEspecialistas na obra de Pardo Bazán, alumnado, docentes e guías participarán nunha lectura colectiva de textos da autora

Este mércores, 12 de maio, conmemórase o centenario do pasamento de Emilia Pardo Bazán, unha efeméride que marca o comezo dunha programación organizada pola Real Academia Galega e a Casa-Museo Emilia Pardo Bazán que se estenderá durante todo o ano. A actividade central, a celebración do Congreso Internacional Emilia Pardo Bazán, cen anos despois, terá lugar a finais de outubro, cadrando coa chegada á Coruña da exposición Emilia Pardo Bazán. El reto de la modernidad, na que a RAG participa achegando case un terzo das pezas. Pero a institución que preserva boa parte do legado da escritora tamén a recordará no día do seu cabodano cunha lectura colectiva da súa obra na que especialistas na súa figura e literatura ou docentes compartirán protagonismo cun grupo de nenos e nenas do CEIP Emilia Pardo Bazán. O acto poderá seguirse en directo dende a canle de Youtube da RAG.

A homenaxe dará comezo ás 11:00 horas no salón de actos da Real Academia Galega (rúa Tabernas, 11 – A Coruña) e concluirá coa entrega dos premios do I Certame de relato breve A Erbeda, organizado pola asociación de veciños “Os nosos lares” de Palavea e que conta coa colaboración da Academia. O concurso recupera o topónimo literario que Pardo Bazán lle deu a este barrio coruñés e réndelle tamén homenaxe á autora, que dominou con mestría a arte dos contos curtos.

A lectura colectiva incluirá fragmentos de relatos como El encaje roto, novelas como Memorias de un solterón e La tribuna, de artigos ou de correspondencia que a autora lle enviou a Benito Pérez Galdós. A escolma pretende amosar a variedade de rexistros que Emilia Pardo Bazán cultivou ao longo da súa vida como creadora literaria e como intelectual crítica coa realidade social do seu tempo.

O acto comezará cunha lectura a cargo do presidente da Real Academia Galega e director da Casa-Museo Emilia Pardo Bazán, Víctor F. Freixanes e o concelleiro José Manuel Lage Tuñas en representación do Concello da Coruña, institución coa que a RAG está a coorganizar o ciclo As mulleres, cen anos despois de Emilia Pardo Bazán. Conversas na Casa-Museo. Tamén participarán a académica Marilar Aleixandre, a conservadora da Casa-Museo, Xulia Santiso, o editor Eduardo Riestra, a profesora da Universidade da Coruña especialista en estudos de xénero Antía Pérez Caramés, a profesora do IES Otero Pedrayo Begoña Valdés Rodríguez e membros de Guías de Galicia.

- Publicidade -spot_img

Publicidade



Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies