spot_img
InicioVigo e áreaVigoA Casa das Artes de Vigo acolle a exposición "Silverio Rivas, Mente...

A Casa das Artes de Vigo acolle a exposición “Silverio Rivas, Mente / Materia”

A Casa das Artes de Vigo acolle a exposición "Silverio Rivas, Mente / Materia"A planta baixa da Casa das Artes sita na rúa Policarpo Sanz nº 15 de Vigo, acolle ata o 31 de outubro. a exposición Silverio Rivas, Mente / Materia, que está producida polo Concello de Vigo

Silverio Rivas, Mente / Materia é unha exposición que ofrece unha síntese do traballo que Silverio Rivas (Ponteareas, 1942) vén realizando nos últimos cincuenta anos.

Comisariada por Javier Pérez Buján, a exposición ofrece unha cartografía da súa traxectoria, partindo dunha estudada ocupación do espazo, estruturado a partir de tensións provocadas pola utilización de diferentes escalas, texturas, orientacións e cromatismos que van modulando o ritmo do seu percorrido.

Mente / Materia mostra a preocupación de Silverio Rivas polo equilibrio entre ideas opostas como gravidade / levidade; baleiro / cheo; interior / exterior; xeométrico / orgánico, ideas que van configurando un corpus artístico que atopa a súa razón de ser na exploración dos límites expresivos e plásticos, evidenciando un pensamento utópico que xera novas relacións entre obxecto e suxeito.

BIOGRAFÍA

Iniciou os estudios na Escola de Artes e Oficios de Vigo que continou na de Madrid. Durante dous anos traballou no taller do escultor Francisco Barón. En 1979 establécese en París, onde expón a súa obra, así como en Bélxica e Holanda. En 1970 concorre á Bienal de Pontevedra. Expón por primeira vez en Galicia na sala de Caixavigo. Participa na mostra de “Arte xove de Galicia”, que organiza o Museo Carlos Maside de Sada, A Coruña, realizando diversas experiencias ó longo dos anos oitenta no laboratorio deste. A súa obra percorre España e salta a Inglaterra e Alemaña. Participa en importantes colectivas e en 1990 realiza unha obra de grandes dimensións para a Praza de América en Vigo, exemplo de sinxelexa do concepto e de plasticidade, que tallou directamente en granito do Porriño. Está representado en museos de Galicia, noutros de provincias de España e mais en importantes coleccións institucionais. Silverio Rivas é un informalista que traballa indistintamente a pedra, a madeira e o bronce, aínda que é con esta última materia coa que mellor se expresa. Razoante, conceptual, os seus volumes articulados son moi suxerentes, en xogos de curvas e ángulos que adoptan diferentes morfoloxías. Sempre é iconoplasta, xeometrizante, con influencias de Brancusi.

BIBLIOGRAFÍA: Gamoneda, Antonio: Silverio Rivas. A Coruña, Edit., Atlántico, 1981. -20 años de arte en Pontevedra. Pontevedra, Diputación Provincial, 1989. -Pablos, Francisco: Plástica gallega. Vigo, Caixavigo, 1981 e Fundación Abanca.

- Publicidade -spot_img