spot_img
InicioPontevedra e ÁreaA Casa das Artes de Vigo acolle a exposición "Con A de...

A Casa das Artes de Vigo acolle a exposición “Con A de Astrónomas”

a-casa-das-artes-de-vigo-acolle-a-exposicion-con-a-de-astronomas

A exposición poderase visitar entre hoxe e o vindeiro 14 de abril e, ademais, o Pazo provincial de Pontevedra acollerá unha escolma a partir do luns 27 de marzo

A Presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, acompañada polo alcalde de Vigo, Abel Caballero, inaugurou esta tarde na Casa das Artes a mostra “Con A de Astrónomas”. A través desta iniciativa do grupo “Ella es una astrónoma”, formado por profesionais da astronomía, a filosofía, a historia e o ensino, e na que participan a institución provincial e o Concello de Vigo, o público poderase mergullar nos principais fitos da astronomía e coñecer as milleiras de mulleres que investigaron neste eido dende a antigüidade ata os nosos días. Na preparación da exposición, cuxas comisarias son Josefina F. Ling e Eulalia Pérez Sedeño, participaron nove astrónomas de distintos centros de investigación.

Carmela Silva sinalou que “as mulleres temos aportado moitisimo desde o principio da historia aínda que sempre se nos negou e intentouse invisibilizar todo aquilo que elas aportaron en todos eidos e particularmente no mundo da ciencia. A Presidenta da Deputación insistiu  es que esta exposición trata de poñer a esas mulleres os seus nomes, os seus apelidos, os seus rostros e xunto a eles todos os seus estudios e todas as súas aportacións que permitiron que o mundo avanzara. Esta mostra tamén é un berro para dicir que sempre estivemos e que estamos aquí”

A exposición está composta por un total de 13 paneis nos que se recollen a evolución da astronomía e a importancia das mulleres no seu desenvolvemento. Estes paneis céntranse no Sol, nos distintos planetas que conforman o Sistema Solar, as esferas de gas, a morte das estrelas, a idade do Universo, as galaxias, os instrumentos astronómicos, as estacións internacionais que se atopan fóra da atmosfera, nas estrelas e na igualdade no campo astronómico, poñendo en valor ás mulleres que traballaron e están a traballar actualmente neste eido e enxalzando ás investigadoras que son punta de lanza na vangarda desta ciencia. Neste senso, “Con A de Astrónomas” lembra a profesionais como Aglaonike, que predicía eclipses de Lúa na Grecia clásica, ou a Caroline Herschel, que descubriu varios cometas e estudou estrelas binarias no século XVIII.

“Con A de Astrónomas” tamén inclúe módulos interactivos nos que se pode xogar a un trivial con pantalla táctil na que os e as visitantes poderán pór a proba os seus coñecementos; tamén xogos de preguntas e respostas, vídeos sobre o Observatorio de Harvard nos Estados Unidos (onde traballaron algunhas das máis prestixiosas astrónomas da historia), xogos electromecánicos, foguetes accionados mediante pancas, vídeos protagonizados por mulleres astrónomas e escenas e elementos de atrezzo da película “Ágora”, que narra a vida de Hipatia de Alexandría, a astrónoma máis coñecida da antigüidade, que viviu no século V.

Ademais, a partir do luns 27 de marzo, unha escolma desta mostra tamén se poderá visitar na entrada do Pazo provincial da Deputación de Pontevedra, na capital provincial, ata o sábado 15 de abril. Os horarios de visita de “Con A de Astrónomas” na Casa das Artes son de luns a venres de 18:00 a 21:00 da tarde, os sábados de 12:00 a 14:00 horas e de 18:00 a 21:00 horas e, tamén, os domingos e festivos entre as 12:00 e as 14:00 horas.

- Publicidade -spot_img