Os alcalde da Cañiza, Covelo, Mondariz, Mondariz Baleneario e Melón asinaron onte o Convenio de colaboración que permitirá compartir o Servicio entre as 5 administrcións
A sinatura deste Convenio fixa as liñas de colaboración entre os 5 Concellos para coordinar, dirixir, xestionar, financiar e organizar o funcionamento do Servizo de Atención Temperá para o que se crea unha xestión compartida entre esta agrupación de Concellos.
O PROGRAMA DE ATENCIÓN PSICOSOCIAL E FAMILIAR VINCULADO Á ATENCIÓN TEMPERÁ É UN DOS PROGRAMAS E SERVIZOS PRIORITARIOS DENTRO DOS PROGRAMAS DE SERVIZOS SOCIAIS
A Atención Temperá é o conxunto de intervencións dirixidas á poboación infantil de 0 a 6 anos e ás súas familias e ao seu contorno. Ten por obxectivo dar resposta, o antes posible, ás necesidades transitorias ou permanentes que presentan os nenos e as nenas con trastornos no desenvolvemento ou en risco de padecelos. A finalidade: facilitar o desenvolvemento da súa autonomía persoal e a inclusión social.
A XESTIÓN SERÁ REALIZADA POLO CONCELLO DE A CAÑIZA COMO CONCELLO PROMOTOR.
A clave da atención temperá está en que canto máis axiña se detecten as posibles dificultades, mellores resultados se poden obter da atención profesional. Por iso as familias deben estar ben informadas sobre o proceso evolutivo normal dos seus fillos para detectar as dificultades con prontitude.
Dende o servizo de atención temperá ofrecerase unha intervención biopsicosocial que favoreza a adquisición e a recuperación de funcións e habilidades persoais e sociais para mellorar a autonomía, a convivencia social e familiar e a inclusión social.
O PROGRAMA CONTARÁ CUN EQUIPO DE PROFESIONAIS ESPECIALIZADOS EN DESENVOLVEMENTO INFANTIL
Este novo servizo contará cun equipo humano integrado por profesionais especializados en desenvolvemento infantil e atención temperá que se ocuparán de valorar trastornos de desenvolvemento psicomotor, cognitivo, da linguaxe e comunicación, de autonomía, desenvolvemento da área social e afectiva e sobre todo apoio, información e formación para as familias.
Cada Concello aportará unha achega para o desenvolvemento do servizo que se establece na seguinte porcentaxe:
33% para o Concello de A Cañiza, que corresponde con dous días á semana a xornada completa (mañá e tarde).
35% para o Concello de Mondariz, que corresponde con dous días á semana a xornada completa (mañá e tarde).
20% para o Concello de Covelo, que corresponde con un día á semana a xornada completa (mañá e tarde).
7% para o Concello de Melón, que se corresponderá coa cobertura das necesidades de atención que serán cubertas no horario establecido para o concello de A Cañiza.
5% para o Concello de Mondariz Balneario, que corresponderá coa cobertura de necesidades de atención que serán cubertas no horario establecido para o concello de Mondariz.
O ALCALDE DA CAÑIZA REPRESENTARÁ AOS ALCALDES DA AGRUPACIÓN
A sinatura deste Convenio de colaboración entre os cinco concellos permitirá xestionar de forma compartida e mellorar a efectividade da coordinación e eficacia administrativa, posibilitando poder prestar un novo servizo público na actual situación de crise económica. Este servizo poderá ser máis eficaz e eficiente e con menos custes. Pero o máis importante é que garantirá o acceso dos veciños a uns servizos públicos de calidade e dará respostas ás necesidades da nosa poboación.
O Concello de A Cañiza será quen realice todos os trámites administrativos derivados desta actuación compartida. Tramitación das solicitudes de subvencións, expedientes de contratación do servizo e seguimento da execución do conxunto dos traballos e de todas as actividades ou prestacións necesarias para o funcionamento e xestión do Servizo de atención temperá.