spot_img
InicioPontevedra e ÁreaPontevedraA Bienal de Pontevedra leva a Belas Artes un obradoiro sobre o...

A Bienal de Pontevedra leva a Belas Artes un obradoiro sobre o papel da creación artística en tempos de guerra

a-bienal-de-pontevedra-leva-a-belas-artes-un-obradoiro-sobre-o-papel-da-creacion-artistica-en-tempos-de-guerraComo pode a arte axudar á paz en tempos de guerra? É a arte unha vía de escape do mundo ou un xeito de transformalo? Arredor destas dúas preguntas articúlase o obradoiro que a filósofa Elodie Moreau impartirá os días 19 e 20 de xuño na Facultade de Belas Artes, no marco da programación da 32 Bienal de Arte de Pontevedra

A revista ‘Cousas de’ despídese cun número especial

Aberto ao conxunto da cidadanía, este seminario de filosofía práctica propón analizar “de xeito discursivo e participativo, as relacións entre arte e guerra” e insírese no conxunto de actividades complementarias dun evento que terá na Sala Universitaria Profesor Manuel Moldes unha das súas sedes expositivas.

Formada nas universidades de Galatasaray, Sorbona e Rennes 1 e, na traxectoria de Moreau combínase o seu labor como docente, co seu traballo en proxectos centrados na protección de especies en perigo de extinción e na preservación da memoria de poboacións obrigadas a migrar por causas ecolóxicas e sociais. Neste obradoiro, proporá “traballar sobre as relacións entre arte e guerra e sobre como a arte pode apoiar a paz ou dialogar con situacións de conflito”, como sinala o vicedecano Ignacio Pérez-Jofre. Aberto a toda a cidadanía, o seminario impartirase en inglés e conta con 12 prazas, debendo realizarse a inscrición a través do correo electrónico jofre@uvigo.es. Non obstante, tamén será posible asistir como oínte aos coloquios, sen necesidade de inscrición previa.

Este “seminario de filosofía práctica” arrancará na mañá do xoves 19 cunha sesión teórica e debate e continuará pola tarde cunha actividade na que as e os participantes levarán a cabo “unha colaxe baseada nas ideas que estiveran debatendo pola mañá”, explica Pérez-Jofre. Xa o venres 20, ás 12.00 horas, o obradoiro trasládase ás Ruínas de San Domingos, onde terá lugar un coloquio aberto arredor da instalación Barricade, que forma parte da bienal e que permitirá conectar “os conceptos e ideas principais do seminario” cunha peza concreta.

Formación e exposición

Baixo o lema de Volver a ser humanos. Ante a dor dos demais, a bienal achegará á cidade as creacións de preto de 60 artistas de 28 nacionalidades, á vez que desenvolverá unha programación complementaria na que se insiren propostas como este seminario ou como o taller que en xullo impartirá nesta facultade a artista peruana Violeta Quispe. Financiado polo Departamento de Pintura, este segundo seminario permitirá achegar á facultade unha artista que enfoca a súa obra na denuncia da violencia de xénero e na discriminación cara as mulleres e “que vén de estar na Bienal de Venecia”, lembra Pérez-Jofre, que incide na oportunidade que a Bienal de Pontevedra supón á hora de que “artistas de primeira fila” poidan compartir “os seus procesos de creación” co estudantado.

Por outra banda, o programa expositivo da bienal estenderase por doce espazos da cidade, entre os que se atopa a Sala Profesor Manuel Moldes, dependente da Vicerreitoría do campus. Neste espazo exhibiranse os proxectos de dous investigadores da Facultade de Belas Artes, Carlos Fer e Andrea Davila, gañadores do Certame de Residencias Artísticas Novos Valores do Museo de Pontevedra. Este galardón levou estes dous artistas a realizar unha estadía na Fundación Nicole & Walter Leblanc de Bruxelas e no Centro de Residencias Artísticas Matadero de Madrid, onde desenvolveron os proxectos artísticos que a partir do 21 de xullo poderán verse neste espazo expositivo. Nel, Davila presentará O corpo é terra que se converte en xardín en contacto coa auga, “unha instalación en proceso de explora a relación entre materia, corpo e auga”, como sinalan desde a organización. Carlos Fer, pola súa banda, amosará Exercicios para colgar unha pintura, un proxecto no que “investiga de que maneira a disposición física dunha pintura no espazo pode alterar radicalmente o seu sentido” e o xeito no que é percibida.

Tres profesoras da facultade, entre as artistas seleccionadas

Belas Artes estará presente tamén na programación desta Bienal de Pontevedra a través das creacións de tres das súas docentes, Almudena Fernández Fariña, Marina Núñez e Carmen Hermo, que forman parte das e dos preto de 60 artistas de 28 nacionalidades seleccionados para este evento. Nel, Fernández Fariña levará a cabo, no patio interior Edificio Castelao do Museo, a intervención Flor de seis pétalos, na que toma como referencia unha flor representada no tímpano orixinal da igrexa de San Martiño para promover unha reflexión “sobre a fraxilidade humana e a esperanza en tempos de crise”, segundo informa a organización. Ao mesmo tempo, a fachada deste edificio albergará unha das obras de Marina Núñez, Vida, “consistente en impresións dixitais sobre o vidro do edificio”, coas que a artista pon o foco no eixe temático da bienal, a guerra, facendo tamén uso das flores, neste caso como “símbolos de loita e renacemento”.

O simbolismo das flores e a súa “capacidade para transformarse e resistir” é tamén un dos eixes da instalación-retablo que Núñez deseñou para o Covento de Santa Clara, onde proxectará ademais a vídeocreación Flores heroicas/Lirios. Esta peza proxectarase no nicho central, arredor do que poderá atoparse Soñar o que te sueñen, unha obra que “se estende polos catorce nichos do retablo e mostra flores xigantes e heroicas”. Tamén no convento, poderá verse Nacer, unha instalación realizada por Carmen Hermo, tomando como punto de partida a iconografía do retablo para propor unha reflexión “sobre a fraxilidade e a incerteza da existencia humana”.

- Publicidade -spot_img

[adrotate group="3"]
[adrotate group="2"]
[adrotate group="4"]
[adrotate group="5"]

Información das cookies

Este sitio web utiliza cookies para que poidamos ofrecerche a mellor experiencia de usuario posible. A información das cookies gárdase no teu navegador e realiza funcións como recoñecelo cando volves ao noso sitio web e axudar ao noso equipo a comprender que seccións do sitio web che resultan máis interesantes e útiles.