O seu deseño foi galardoado no Foro Contract de Barcelona na Gala dos ‘Premios AyE 2024’, no que participaron 113 proxectos de toda España, acadando a segunda posición a Biblioteca Municipal de Nigrán a cargo do estudio Gándara#Pons
A Biblioteca Municipal do Concello de Nigrán suma un novo premio ao seu brillante palmarés: o segundo posto nos ‘Premios AyE 2024’, outorgado a semana pasada nunha gala especial no Foro Contract de Barcelona, evento que reúne a centos de profesionais do mundo da construción e da arquitectura.
En total, presentáronse 113 proxectos aos Premios AyE 2024, premiándose só tres. Tras un proceso de votación que incluíu ao público, arquitectos participantes, empresas patrocinadoras e o equipo de AyE, seleccionáronse 18 proxectos finalistas de toda España, acadando a Biblioteca deseñada desde o estudio vigués Gándara#Pons unha segunda posición compartida cun edificio de vivendas dos tamén vigueses Liqe Arquitectura (a primeira posición foi para o estudo catalánn MACH pola súa ‘casa columpio’ de Barcelona). O xurado encargado de elixir aos tres proxectos gañadores estivo composto por 8 arquitectos dos 6 estudos máis recoñecidos de todo o país: Elizabeth Abalo y Gonzalo Alonso del estudio Abalo Alonso arquitectos (Gañador do AyE 2022), Antonio Cruz y Antonio Ortiz de Cruz y Ortiz Arquitectos, José Carlos Nunes de Oliveira de NOARQ, Joaquín Millán de OOIIO Arquitectura, Pedro Romera de Romera Arquitectos e Sergio Sebastián de Sebastián Arquitectos.
Arquitectura e Empresa dedícase a resaltar o traballo significativo que realizan os arquitectos na nosa sociedade, enfocándose en dar a coñecer a excelencia dos estudos nacionais; pola súa banda, os premios teñen como obxectivo principal fomentar a visibilidade da produción arquitectónica nacional de alta calidade a través da realidade virtual, polo que, como parte do recoñecemento, eles mesmos se encargarán de que a Biblioteca de Nigrán poida ser visitable virtualmente.
O deseño de Gándara#Pons da Biblioteca de Municipal de Nigrán xa fora elixida polo COAG de Galicia como a mellor edificación da comunidade nos anos 2021-2022 e gañara o premio ibérico Technal no 2022, presidido no Xurado por Carme Pinós, Premio Nacional de Arquitectura 2021.
“É un edificio icónico de Nigrán que nos sitúa no mapa da mellor arquitectura moderna de todo o país e que no tempo que leva aberta amosa unha mestura perfecta de beleza, harmonía e confortabilidade para o usuario”, subliña o alcalde, Juan González, quen transmite os seus parabéns aos arquitectos, Lucas Gándara e Juan Pons, e engade que o edificio é un lugar ao que acude moita xente ex-profeso só para coñecelo in-situ, como visitas organizadas desde a propia facultade de Arquitectura de A Coruña.
“Somos un estudo moi pequeno, somos só dúas persoas que o fan todo, e elixidos entre os mellores estudos de España nos enche de orgullo”, indican Lucas Gándara e Juan Pons, responsables tamén da remodelación da praza adxacente á biblioteca.
O edificio ocupa unha parcela municipal de 443 metros cadrados e de forma trapezoidal no centro do municipio (a beira da Estrada pola Vía, á altura do número 118, fronte a rúa do Panasco). O feito de que se trate dunha parcela con forte desnivel permite que teña dúas entradas, con accesos tanto dende o andar baixo como desde o primeiro, o que favorece unha utilización polivalente das instalacións. Desde o punto de vista urbanístico, a construción xera unha praza cuberta que se abre á praza existente e que supón unha zona previa á entrada polo andar baixo.
Conta con catro alturas, planta irregular, e superficie total construída de 1.260 m2 clasificado coa letra A no seu Certificado de Eficiencia Enerxética (máxima categoría). Trátase, por tanto, dun edificio bioclimático que dispón das últimas tecnoloxías en instalacións para acadar esta sostibilidade ambiental.
Na planta baixa (191 m2) disponse dunha sala de usos múltiples vinculada á praza cuberta adxacente, almacén e aseos; na planta primeira (269 m2) hemeroteca, sala de ordenadores, recepción e zona de préstamo infantil e xuvenil; na segunda (272 m2) zona de préstamo para adultos e na terceira (235m2), zona de estudio que se comunica a dobre altura coa zona de préstamos do nivel inferior. A cuberta está deseñada como unha terraza onde poder desenvolver actos.
O mobiliario elixido estivo supervisado polos seus arquitectos e destaca por ser de liñas puras e deseño atemporal, en tons neutros e fabricado en materiais de alta calidade que lle outorgan resistencia e durabilidade.





