spot_img
InicioBaixo MiñoA GuardaA Biblioteca da Guarda premiada co galardón María Moliner pola súa labor...

A Biblioteca da Guarda premiada co galardón María Moliner pola súa labor de promoción da lectura

a-biblioteca-da-guarda-premiada-co-galardon-maria-moliner-pola-sua-labor-de-promocion-da-lectura

A Biblioteca da Guarda acaba de ser premiada no concurso María Moliner, un recoñecemento outorgado polo Ministerio de Educación, Cultura e Deporte en colaboración coa Federación Española de Municipios e Provincias como parte da campaña de animación á lectura. Premiase á aquelas Bibliotecas públicas, de municipios de menos de 50.000 habitantes, que presenten os mellores proxectos ou actividades para promover a lectura tanto entre os nenos e xoves, como entre outros colectivos sociais.

Este certame selecciona ás Bibliotecas de varios concellos a nivel estatal. Na provincia de Pontevedra foron recoñecidas con este galardón as Bibliotecas de 8 concellos, entre elas a Biblioteca da Guarda, que como premio recibirá un lote de 150 libros.

300 novos títulos para a Biblioteca da Guarda

Ademais do premio María Moliner, a Biblioteca da Guarda conseguiu recentemente unha subvención, neste caso concedida pola Xunta de Galicia, que tamén premia o bo facer da Biblioteca na promoción da lectura.

Deste xeito, entre os libros concedidos polo concurso María Moliner do Ministerio de Educación, Cultura e Deporte e a subvención da Xunta de Galicia, a Biblioteca contará nas próximas semanas cuns 300 novos títulos cos que ampliar a súa colección. A catalogación de todas estas novidades realizarase nos próximos meses, momento a partir do cal os novos libros estarán á disposición de todos os guardeses e guardesas que se acheguen alí.

Un ano máis a Biblioteca da Guarda e a Concellería de Cultura, da que depende, volven a situar á Guarda como un dos concellos, tanto a nivel estatal como galego, que máis apostan pola cultura e pola promoción da lectura, en especial entre os máis cativos. E o seguirá facendo nos próximos meses con diversas actividades como os Contos Contados, os clubs de lectura, o certame de microrrelatos e proxectos en colaboración cos centros escolares.

- Publicidade -spot_img