O programa de Atención Temperá que se leva a cabo na Asociación Vontade, é posible grazas á cofinanciación da Xunta de Galicia coa concesión de subvencións destinadas á realización de programas de interese xeral para fins de carácter social, con cargo á asignación tributaria do 0,7% do imposto sobre a renda das persoas físicas (IRPF) e xestionado pola Confederación Galega de Persoas con Discapacidade (COGAMI).
A mancomunidade do Baixo Miño ofrece o recurso de Atención Temperá destinado a nenos e nenas menores de 6 anos de idade contando con profesionais de fisioterapia, psicoloxía e logopedia. A Asociación Vontade colabora apoiando e complementando este recurso ofertando o servicio de Terapia Ocupacional, do que se benefician máis de 40 nenos e nenas e as súas familias.
Ademais tamén proporciona o servicio de atención á infancia para aqueles nenos e nenas de 6 a 17 anos de idade, coa finalidade de dar continuidade ás terapias e proporcionar a mellor atención ás familias e á infancia con dificultades do desenvolvemento ou en risco de padecelas.
Os obxectivos principais deste servicio son acadar a máxima autonomía na realización de actividade da vida diaria ou mellorar as habilidades psicosociais e comunicativas dende una metodoloxía baseada no xogo, favorecendo o correcto desenvolvemento da motricidade fina, das función executivas, mellora da grafomotricidade ou o traballo das habilidades psicosociais en función das necesidades de cada persoa. Dende a asociación tamén se traballa en constante coordinación con outros servicios, entidades ou centros (centros educativos, servicios sociais,…) e mediante a orientación, prestación de información e acompañamento ás familias.
Para poder levar a cabo este servicio de Terapia Ocupacional e atención á infancia, Vontade conta con financiación da Xunta de Galicia procedente da convocatoria de subvencións destinadas á realización de programas de interese xeral para fins de carácter social, con cargo á asignación tributaria do 0,7% do IRPF, a cal foi xestionada dende COGAMI. Esta ano ademais, grazas a dita financiación, realizouse unha inversión en novos equipos informáticos adaptados para fomentar o manexo e uso responsable das TICS para a promoción da autonomía das persoas con discapacidade.
Grazas ás persoas que marcaron o X Solidario na declaración da renda, no recadro “Actividades de interese xeral consideradas de interese social”, é posible realizar e dar continuidade a proxectos como o da Asociación Vontade e asegurar a consecución de obxectivos como fomentar o acceso a recursos e servicios especializados en zonas rurais.
Vontade é unha a asociación sen ánimo de lucro que nace en 2003 ante as necesidades comúns de servizos especializados demandados por persoas con discapacidade da comarca do Baixo Miño. Dende a entidade se traballa para defender os dereitos deste colectivo ofrecendo os recursos precisos para fomentar a autonomía e autorrealización persoal e a inclusión social. Dende o noso centro de recursos para persoas con discapacidade situado en Tomiño, ofrecemos distintos servizos (Centro diúrno-terapéutico, atención á infancia, información e asesoramento, terapias individualizadas, etc.) dende as seguintes áreas profesionais: Educación Social, Fisioterapia, Logopedia, Psicoloxía, Terapia Ocupacional e Traballo Social.
A Asociación de persoas con Discapacidade Vontade atópase situada no barrio A Rocha 19B en Tomiño, 36740. Pódese contactar connosco no número de teléfono 986.62.30.44 ou no enderezo electrónico info@vontade.org. Tamén se pode ter acceso a máis información na nosa páxina web www.vontade.org ou no noso perfil de Facebook @Asociación.Vontade ou Instagram @crdvontade




