O vindeiro luns, 1 de maio, celebrarase a tradicional romaría no entorno dos Muíños do Tripes, en Tui. Este é un ano especial xa que se chega a súa 20ª edición.
A Asociación Muiñeiros do Río Tripes ten preparado unha programación especial para conmemorar este aniversario con moita música ao vivo, charlas, obradoiros para os cativos e boa gastronomía. Unha xornada única para achegarse á cultura muiñeira e coñecer a importancia desta herdanza social.
A pregoeira desta edición será a xornalista de TVG, Ana Pérez, unha divulgadora de contrastada valía e compromiso. Alberto Romero “Romer” será o encargado de realizar unha charla etnográfica sobre os muíños e o seu entorno. Na parte musical contarase coas agrupacións locais, Inquedanzas de Pazos de Reis e Xuntanza de Randufe; a maiores tamén estarán presentes, a Treboada Baixo Miño, as pandeireteiras Darraia e o grupo Os Folieiros. Un dos atractivos especiais neste apartado será a zanfona e os cantares de cego da man do Cego de Matamá e Aldariña de Candeán.
A todo este programa hai que sumar a posibilidade de ver os muíños en funcionamento, os burros que volverán percorrer as corredoiras, a artesanía, os obradoiros, os agasallos e a abundante gastronomía baseada na fariña de millo. Unha cita a non perder.





