spot_img
InicioVal MiñorNigránA artista Lula Goce remata en Panxón o maior mural da comarca...

A artista Lula Goce remata en Panxón o maior mural da comarca do Val Miñor

A artista Lula Goce remata en Panxón o maior mural da comarca do Val MiñorO muro de 200 metros cadrados de superficie ao carón do Pavillón e a Escola Infantil Dunas está ilustrado con diferentes rostros infantís como mensaxe de respecto á diversidade e a propia natureza

A artista de Baiona Lula Goce, internacionalmente recoñecida polos seus impactantes murais, ven de rematar en Panxón a súa maior obra na comarca grazas á iniciativa do Concello de Nigrán.  O goberno local contratou este verán a Goce a ilustración dun muro de algo máis de 200 metros cadrados de superficie ubicado na subida da rúa Gondomar (ao carón do cemiterio, pavillón e Escola Infantil Dunas). Aínda que o municipio xa conta con intervencións súas na fachada do CEIP Carlos Casares ou a recente no Campo Municipal de Condomínguez (ambas tamén contratadas desde o Concello) esta é a súa maior obra e a única a pé de rúa, polo que Nigrán entra de pleno a formar parte do seu circuíto de murais internacionais, xa auténticos emblemas en países como EEUU, México, Israel, Portugal, Italia, Bélxica, Francia…

A artista Lula Goce remata en Panxón o maior mural da comarca do Val Miñor
Na foto xunto co alcalde de Nigrán, Juan González

“É un punto neurálxico de Nigrán, ao carón da praia, o Pavillón Municipal e o centro educativo Dunas de Gaifar; o resultado é espectacular, será un referente máis do noso municipio como xa o son os seus murais no mundo enteiro”, sinala o alcalde, Juan González.

Unha vez máis, como é característico na súa obra, as imaxes de crianzas e natureza mesturaranse nun trazo hiper-realista para trasladar á cidadanía unha mensaxe de respecto pola diversidade e amor polo noso medio e as oríxes de cada un de nos. “Cada un de nos é  único, ese é o noso tesouro, e aprender a coñecernos e respectarnos entre nos é unha das cousas mais marabillosas da vida”, explica Lula, quen deseñou ex-profeso este mural tendo en conta a súa ubicación, “ten unha mensaxe educativa porque está ao carón dunha escola infantil, e tamén ten un significado de ciclo da vida porque está pegado ao cemiterio”. Así, nel retrata cinco rostros de nenos e nenas onde destaca a súa diversidade étnica e cultural e rodeados de vexetación, tema reiterado na súa obra. “O feito de ser un mural totalmente horizontal e con dúas pezas o complicou  moito o deseño e o traballo”, admite Lula, quen empregou como técnicas a pintura plástica e o spray.

A artista Lula Goce remata en Panxón o maior mural da comarca do Val Miñor

Lula Goce, nacida en Baiona, licenciouse en Belas Artes en Salamanca na especialidade de Pintura. En Barcelona realizou un Máster de creación artística e o  DEA na Facultade de Belas Artes da  UB de Barcelona. Estudou Deseño Gráfico na BAU e Ilustración na  Escola de Dóaa, ademais de traballar en centros de produción artística como Hangar, en  Poblenou, e formar parte do espazos artísticos como  Caminal ou A Escocesa. O seu traballo como muralista é recoñecido no mundo enteiro.

- Publicidade -spot_img