A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, e o alcalde do Concello de Baiona, Angel Rodal, asinaron hoxe o convenio de colaboración para a celebración da 523 edición da Festa da Arribada da Carabela Pinta que terá lugar os próximos 4, 5 e 6 de marzo.
Durante o acto de firma, Nava Castro afirmou que esta festa, declarada de interese turístico internacional no pasado ano 2015, é a única celebración destas características que se celebra en Galicia converténdose nunha referencia imprescindible e nunha cita ineludible no calendario de festas da nosa comunidade.
A responsable de Turismo da Xunta explicou que a categoría e relevancia conseguida por esta festa fan que a súa celebración consiga un incidente directo no que alcanza á divulgación da oferta turística galega vinculada aos extraordinarios recursos turísticos deste país e impulsando así a mellora económica do sector. “Esta festa foise consolidando co paso dos anos e hoxe é un referente turístico que durante os seus días de celebración xunta a máis de 200.000 persoas de todas partes do mundo“, sinalou Nava Castro.
Con todo, Turismo de Galicia aposta un ano máis por esta festa colaborando co Concello de Baiona, mediante unha achega de 25.000 euros, na promoción deste evento que polas súas características e singularidades e polo seu recoñecemento e prestixio a nivel internacional supón un importante reclamo de atracción turística.
O Alcalde de Baiona, Angel Rodal, agradeceu á Axencia de Turismo a súa forte aposta pola Arribada. “A Arribada converteuse a día de hoxe nun motor económico importantísimo para a nosa Vila e arredores, consolida a marca Baiona, dando a coñecer outra Baiona que non é a de sol e praia e pon en valor a nosa historia que fai que os baioneses podamos sentirnos orgullosos do noso pasado”, destacou Rodal.
Na firma do convenio tamén estaba presente María Iglesias, responsable da área de Cultura, tras nove anos á fronte da Organización da Arribada, que viu crecer esta Festa de forma exponencial, conseguindo nestes anos o título de Festa de Interese Turístico Nacional e cinco anos despois o de Internacional. Iglesias resaltou que “O noso obxectivo é introducir ano tras ano novidades e ampliando zonas de esparexemento para que cada edición sexa diferente e esta achega da Xunta axúdanos na ampliación de todos estes espectáculos. Por iso está edición é moi especial para a organización, por iso é polo que botámos “o resto…, para seguirvos sorprendendo e innovando en todo o que concierne ao atrezo das rúas e as actividades de lecer para todos, pero sobre todo para os máis pequenos da casa”.
Nava Castro indicou que esta aposta de Turismo de Galicia pola promoción das festas de Interese Turístico está reflectida no Plan Integral, dentro da segunda liña estratéxica relacionada coa oferta turística baseada no patrimonio e nos recursos endóxenos. “Contamos cun plan de acción relativo á definición da estratexia de promoción das festas de interese turístico, dado que forman parte da nosa cultura e constitúen un recurso turístico con grande capacidade de atraer turistas e excursionistas ao longo de todo o ano”, explicou a directora de Turismo de Galicia.
A Festa da Arribada da Carabela Pinta
A orixe histórica desta festa data do ano 1943, cando o un de marzo Martín Alonso Pizón arribou en Baiona e desde alí enviou a noticia do descubrimento de América aos Reis Católicos que se atopaban en Barcelona.
Durante os días de celebración da festa, o centro histórico da vila de Baiona, declarado ‘Conxunto de Interese Histórico Artístico’, transfórmase e volta ao medievo.
As actividades que se desenvolven na festa son numerosas e de diversa índole: publicacións, exposicións, seminarios, conferencias, congresos e concertos. Ademais inclúe actos como ofrendas florais, concesión de medallas e distintivos a persoas e institucións destacadas así como toda clase de actuacións relativas ao comprado medieval, finalizando coa escenificación teatral da Arribada da Carabela Pinta á praia.
Así mesmo, a Festa da Arribada convértese na ocasión perfecta para dar a coñecer o turismo náutico e deportivo de Galicia xa que durante a súa celebración organízanse diversas probas, entre as que destaca a ‘Regata del Descubrimento’ con máis de 3.500 millas de percorrido e a participación de máis de 70 barcos de distintos países.





