
A instalación, coma ocorre coas pistas de tenis e pádel, serán de uso compartido entre alumnado do colexio Pedro Caselles e veciñanza en xeral
O Concello vén de dotar ás instalacións da Área Deportiva do Mosteiro (parroquia de Santa Mª de Tomiño) cunha nova pista de atletismo de catro calles. Esta nova instalación vén a sumarse ás tres pistas de tenis e outra de pádel, que se poñen ao servizo da cidadanía e tamén da comunidade escolar do colexio Pedro Caselles.
Debido ás posibilidades dimensionais do espazo, construíuse unha pista de 200m de lonxitude, adaptada ao espazo físico da parcela. O investimento total foi de 54.716 euros financiados a través do Plan Concellos 2016, da Deputación de Pontevedra.
En resposta ás necesidades dos usuarios potenciais (alumnado do CEP Pedro Caselles e veciñanza en xeral, fora do horario escolar) e ás posibilidades de mantemento, utilizouse un pavimento de morteiro acrílico executado sobre aglomerado asfáltico, que se asenta, á súa vez, sobre unha base de zahorra mellorada.
Asemade, construíuse unha rede de drenaxe para evitar o empozamento de auga nesta zona, xa que en tempos de choiva se anega con facilidade.
Por outra banda, o espazo interior da pista acondicionouse con céspede natural, co propósito de empregalo como campo de fútbol.
Foi necesario ademais facer un peche que restrinxa o acceso ao colexio, dos veciños que usan as pistas fora do horario escolar, e á contra, para que durante o horario escolar, o acceso á pista, se realice unicamente dende o colexio.
Con esta nova obra, a Área Deportiva do Mosteiro conta cunha pista de atletismo, tres de tenis e unha de pádel, que ocupan 5.405 m2 da parcela. A estas hai que sumar as instalacións do CEP Pedro Caselles (dúas pistas pequenas de baloncesto, outra polivalente e un campo de volei), que ocupan outros 25.000 m2. O concelleiro de Deportes, Ismael Troncoso, salienta que a utilización conxunta de todas as instalacións “supón un equipamento deportivo moi completo, se se realiza un uso sostible e razoable deste espazo”.
Explica o edil que comprobado a frecuencia de usos e a demanda das pistas da área deportiva Mosteiro, estimouse pertinente posibilitar o uso compartido das instalacións do colexio público Pedro Caselles coas da área deportiva Mosteiro, racionalizando o uso destas instalacións nos horarios nos que o centro se atopa pechado.
“É intención do Concello de Tomiño promover as actividades deportivas, e potenciar o uso deste espazo, entendendo como unha oportunidade o poder compartir co público Pedro Caselles as pistas que dispoñen ambas instalacións. Trátase así de rentabilizar deste xeito o uso das instalacións deportivas, prolongando así o seu uso mais alá do horario escolar, incluso en períodos non lectivos, e chegando así a moitos mais usuarios”, comenta Troncoso.



