spot_img
InicioGaliciaA Amtega convocará en 2015 preto de 1.000 prazas de formación para...

A Amtega convocará en 2015 preto de 1.000 prazas de formación para a obtención da certificación galega de competencias dixitais en ofimática

A finais de xaneiro celebrarase as últimas probas de 2014 ás que están convocados 360 cidadáns que superaron os cursos de teleformación

A Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega) convocará este ano preto de 1.000 prazas para os cursos de formación necesarios para obter a certificación galega en competencias dixitais en ofimática (CODIX). Este certificado acredita a formación nesta materia da persoa titular ante calquera instancia pública ou privada.

A previsión para este ano é realizar dúas convocatorias para os cursos de teleformación en marzo e setembro e outras dúas novas convocatorias de exames presenciais en abril e outubro para aqueles cidadáns que xa posúan os coñecementos necesarios ou opten pola modalidade autoformativa. Estas novas convocatorias serán publicadas no Diario Oficial de Galicia e a través da web da rede CeMIT (http://cemit.xunta.es) unha vez rematadas as probas convocadas para o ano 2014.

800 prazas en 2014
Na derradeira semana de xaneiro terán lugar as probas presenciais para a obtención da CODIX, ás que están chamados os 360 cidadáns que obtiveron praza no curso de teleformación convocado a través da rede CeMIT no último trimestre de 2014.

Coa realización destas probas serán preto de 800 as prazas convocadas para a obtención da certificación galega de competencias dixitais en ofimática convocadas ao longo do ano 2014 en todas as súas modalidades.

Formación
Para obter o CODIX é preciso superar un exame, tras o seguimento dun curso de preparación na modalidade de teleformación, con quendas titorizadas a través da plataforma online das aulas CeMIT.

Durante a realización deste curso, as persoas matriculadas fórmanse nos contidos do Plan Formativo Ofimático de Galicia, composto polas cinco unidades nas que se estrutura o módulo formativo MF0233_2 «Ofimática» do Repertorio Nacional de certificados de profesionalidade:

• Sistema operativo, busca da información: internet/intranet e correo electrónico (30 horas)
• Aplicacións informáticas de bases de datos relacionais. LibreOffice Base (50 horas)
• Aplicacións informáticas para presentacións: gráficas de información. LibreOffice Impress (30 horas)
• Aplicacións informáticas de tratamento de textos. LibreOffice Writer. (30 horas)
• Aplicacións informáticas de follas de cálculo. LibreOffice Calc (50 horas)

Os materiais formativos que compoñen estes cursos foron elaborados seguindo as boas prácticas recollidas na Guía de boas para a publicación de obras documentais da Xunta de Galicia recentemente publicada e concretamente na súa modalidade de Software Libre, é dicir, GNU/Linux e LibreOffice.

As persoas que xa posúan estes coñecementos poden optar ás convocatorias para as probas presenciais sen realizar o curso formativo.

A Rede CeMIT
A Rede CeMIT (Rede de Centros para a Modernización e a Inclusión Tecnolóxica), está integrada por 98 aulas, presentes en 92 concellos e 53 comarcas co obxectivo de promover o uso das novas tecnoloxías entre a poboación, con especial atención aos colectivos máis afectados pola fenda dixital, fomentar a formación dixital entre os profesionais galegos e mostrar á pemes e micropemes as vantaxes da sociedade da información.

Ademais do Plan de Formación, a Rede CeMIT desenvolve campañas de sensibilización e divulgación da importancia e beneficios das TIC entre a cidadanía, empresas e outros colectivos coa organización de charlas e conferencias. Paralelamente, a maioría dos centros da Rede contan co servizo de “aula aberta”, que posibilita o acceso libre e de balde dos usuarios á utilización do equipamento co apoio e asesoramento dun axente especializado.
A listaxe completa e a localización das aulas CeMIT poden ser consultados en: http://cemit.xunta.es/centros.

- Publicidade -spot_img