O Patio Inglés do Museo de Pontevedra acolleu hoxe a presentación do programa completo da 32ª Bienal de Arte de Pontevedra, que arranca este venres con Peregrinacolor, do artista francés Patrice Warrener.
O Vicepresidente da Deputación de Pontevedra, Rafa Domínguez que compareceu en conferencia de prensa xunto co comisario da Bienal, Antón Castro, a comisaria adxunta, Agar Ledo, e a directora do Museo de Pontevedra, Ángeles Tilve, remarcou a relevancia desta edición como “un fito cultural de proxección internacional que recupera con forza unha das citas artísticas máis significativas da historia contemporánea da cidade”. Subliñou, ademais, que a “Bienal sitúa Pontevedra no centro do mapa da arte contemporánea europea, cunha programación ambiciosa, diversa e comprometida co presente”.
O arranque a Bienal terá lugar este venres a partir das 23.30 horas con “Peregrinacolor”, unha intervención lumínica e sonora na fachada da igrexa da Virxe Peregrina, a cargo do artista francés Patrice Warrener, unha das figuras máis recoñecidas no eido da iluminación arquitectónica. A súa proposta, que combina cor, luz e simbolismo, estará acompañada pola sesión musical da DJ galega Akazie, nun acto aberto á cidadanía que servirá como preludio do evento cultural máis relevando do ano na provincia.
A 32ª Bienal de Arte, que leva por lema “Volver a ser humanos. Ante a dor dos demais”, inaugurarase oficialmente este sábado, 21 de xuño, ás 12:00 horas no Museo de Pontevedra, cun acto institucional que contará coa presenza do presidente da Deputación, Luis López, e representantes das principais institucións culturais do país, así como artistas e comisarios participantes. “Trátase de moito máis que unha exposición: é unha declaración de intencións, un acto de cultura, de cidade e de futuro”, remarcou o vicepresidente provincial Rafa Domínguez quen engadiu que “volver celebrar a Bienal é recuperar un espazo de liberdade creativa e recoñecer o talento como motor da provincia”.
Nas súas 13 sedes repartidas por Pontevedra –entre elas o Museo, o Sexto Edificio, O Pazo da Cultura, o Edificio Sarmiento, A Casa das Campás, o Café Moderno Afundación ou espazos urbanos– a Bienal ofrecerá o traballo de 60 artistas de 28 nacionalidades, cunha forte presenza de voces femininas e creadoras emerxentes. As obras afondan en cuestións como a guerra, a memoria, a migración, a dor, a empatía ou a crise climática, sempre desde a ollada crítica e poética da arte contemporánea.
Completan a programación unha vintena de actividades paralelas –incluíndo cinema, obradoiros, conferencias, performance e artes vivas- que espallarán o espírito da Bienal a outras catro localidades da provincia, Ponteareas, Vigo, Sanxenxo e O Grove; reforzando o carácter descentralizado e expansivo do proxecto.
A directora do Museo de Pontevedra, Ángeles Tilve, destacou o papel da institución e subliñou que “o Museo non só conserva memoria: nesta Bienal é tamén lugar de futuro, de risco e de novas preguntas. A Bienal achéganos á cidadanía a través da arte contemporánea, e o Museo quere ser o punto de encontro para ese diálogo necesario co noso tempo”. Pola súa banda, o comisario Antón Castro remarcou que “Volver a ser humanos non é só un lema, é unha invitación a repensar a nosa relación co mundo desde a dor, pero tamén desde a esperanza” e engadiu que “esta Bienal é unha cartografía afectiva e crítica dos conflitos do noso tempo, contada a través da obra de artistas que se comprometen coa realidade”.
Finalmente, a comisaria adxunta Agar Ledo subliñou que “queremos que a arte se cruce con que non a busca: por iso a Bienal habita pazas, fachadas, edificios e tamén miradas. Traballamos cunha comunidade artística diversa, comprometida e radicalmente contemporánea, que fai visible o que moita veces se quere ocultar”.
A Bienal de Arte de Pontevedra celebrarase ata o 21 de setembro e aspira a converterse un referente cultural internacional e nunha ferramenta transformadora para a cidade e a provincia.



