spot_img
InicioAs COUSAS DE Castelao7 xaneiro, aniversario do pasamento de Castelao

7 xaneiro, aniversario do pasamento de Castelao

A imaxe corresponde á mostra Castelao Maxistral, que acolleu a Cidade da Cultura en 2018

Tal día como o de hoxe, 7 de Xaneiro de 1950, falecía no sanatorio do Centro Galego de Buenos Aires, Alfonso Daniel Manuel Rodríguez Castelao, sendo enterrado o 9 de xaneiro no Cemiterio da Chacarita.

A Dirección Xeral de Prensa do Goberno de España despachou instrucións aos medios acerca de como tratar a noticia: «Falecendo en Buenos Aires o político republicano e separatista galego Alfonso Rodríguez Castelao advírtese o seguinte: A noticia da súa morte darase en páxinas interiores e a unha columna. Caso de inserir fotografía, esta non deberá ser de ningún acto político. Eloxiaranse unicamente do falecido as súas características de humorista, literato e caricaturista. Poderase destacar a súa personalidade política, a condición de que se mencione que aquela foi errada e que se espera da misericordia de Deus o perdón dos seus pecados. Da súa actividade literaria e artística non se fará mención algunha do libro « Sempre en Galiza» nin dos álbums de debuxos da guerra civil. Calquera omisión destas instrucións dará lugar ao correspondente expediente.»

Os seus restos foron trasladados de novo a Galicia en 1984, e agora descansan no Panteón de Galegos Ilustres, no mosteiro de Santo Domingo de Bonaval.

BIOGRAFÍA

Médico de formación, destacou como escritor, político e debuxante. Foi un dos ideólogos da revista Nos

Naceu en Rianxo o 29 de xaneiro de 1886, fillo do mariñeiro Mariano Rodríguez Dios, que posteriormente sería alcalde do municipio do Barbanza, e mais de Joaquina Castelao Gemme. Aos nove anos foi vivir coa familia á Pampa, e regresou en 1900. Estudou o bacharelato de Artes e despois a carreira de medicina na Universidade de Santiago de Compostela. Por entón desenvolve a súa afección ao debuxo e á caricatura, e forma parte da tuna universitaria. Logo dunha estancia en Madrid, en 1910 regresa a Rianxo sen rematar o doutoramento. Comeza a traballar como médico rural e prepara a especialización en obstetricia, pero deixou o curso por unha tuberculose.

En 1912 casou con Virxinia Pereira, e en 1914 naceu o seu único fillo. Nese mesmo ano tivo un desprendemento de retina que fixo que deixase a profesión de médico, se ben volveu exercer por mor da pandemia de gripe de 1918. Tras opositar, en 1916 comezou a traballar como funcionario, e en 1918 pasou a ser profesor de debuxo no Instituto de Pontevedra.
En 1921 levou a cabo unha viaxe por Francia, Bélxica e Alemaña cunha bolsa da Junta para Ampliación de Estudios e Investigaciones Científicas. En 1929, logo da morte do seu fillo, fixo outra viaxe a Bretaña tamén financiada pola JAE, co fin de estudar os cruceiros dese país.

En 1908 expuxo os seus debuxos en Madrid, e en 1909 gañou unha medalla de ouro na Exposición Rexional Galega cun tríptico titulado Unha festa na aldea.

En 1910 participou na fundación do semanario El Barbero Municipal, de carácter anticaciquil, xunto con Xosé Arcos e mais Eduardo Dieste. Colaborou tamén en publicacións galegas como Mi Tierra, españolas como El LiberalEl Parlamentario e El Gran Bufón, e coas arxentinas Suevia e La Voz de Galicia. En 1912 únese á Liga Agraria de Acción Gallega, liderada por Basilio Álvarez.

Na súa etapa pontevedresa participou de forma activa na vida cultural local, desde a rodaxe do filme Miss Ledya (a primeira peza audiovisual galega de ficción) á participación na Coral Polifónica. Tras a fundación na Coruña das Irmandades da Fala promoveu a creación dunha delegación na cidade do Lérez. En 1919 publicou os seus primeiros relatos en A Nosa Terra, que ilustraría posteriormente co título de Cousas. Despois pasou a publicar as súas viñetas nos xornais Galicia, o Faro de Vigo e El Pueblo Gallego. Amais dos seus relatos ilustrados, como escritor cultivou a narrativa (Un ollo de vidro, 1922; Os dous de sempre, 1934; Retrincos, 1934) e o teatro (Os vellos non deben de namorarse, 1941). En xullo de 1933 ingresou como membro da Real Academia Galega, co discurso As cruces de pedra na Galiza, contestado por Antón Villar Ponte.

"Os dous de sempre". A única novela de Castelao

En marzo de 1920 iniciou na Coruña unha mostra itinerante dos seus debuxos, baixo o título de Álbum Nós, que despois se expuxo en Madrid, Barcelona e varias cidades galegas. En 1924, coincidindo coa inauguración da exposición Nós en Santiago de Compostela, ingresou no Seminario de Estudos Galegos, que en 1930 publicou o seu estudo sobre As cruces de pedra de Bretaña.

Tamén en 1920 foi un dos promotores da revista Nós que, ata o número 9, levou na portada un deseño seu, e a partir do número 10 unha capa con diversas imaxes da iconografía galega. Ademais, publicou varios artigos e debuxos, como «A roda de San Xoán» no nº 1. No nº 2 da revista aparece a estampa número 35 do álbum Nós, «A tola do monte», imaxe que en 1926 se convertería nun dos textos de Cousas. No nº 3 aparece «Poemiña», sobre a aldea de Abuín, que despois se convertería en «Camiño esquecido» de Cousas. O «Dibuxo» do número 6 (agosto de 1921) recóllese de novo en Alma Gallega nº 35 (1922) como «O cruceiro». No número 9 aparece «Novela», que ten orixe na visita en París á casa dun “osteologist”, un home que vendía ósos humanos e peles tatuadas, e que aparece tamén en Cousas, así como «A vella Fanchuca» (nº 31), que figura en Cousas como «Esta morea de pedras e tellas». No nº 43 (xullo 1927) publica «O retrato», «Peito de lobo» e «O segredo», tres dos relatos que en 1934 foron incluídos no libro Retrincos. No número 17 sae un gravado sobre catro cruceiros galegos, reconvertido despois en «Onde hai un cruceiro» de Cousas. No nº 31 publícase un debuxo dun home sen un brazo montado nun burro.
No número 10, de abril de 1922, comeza o seu diario da viaxe europea de 1921, que se estenderá ao longo de sete crónicas. No nº 38 hai unha serie de cantigas que Castelao recolleu de man dun cego de Carballedo (Cotobade), e no nº 40 un conxuro recollido en Lalín dun cesteiro. No nº 67 (xullo de 1929) aparece «Sant’Yago na Bretaña», un artigo sobre a relevancia de Santiago o Maior naquela terra, xunto cunha cantiga en bretón e traducida ao galego sobre Iann Derrien, recollida en 1868 por François-Marie Luzel no seu libro Gwerziou Breiz-Izel.

Vigo será escenario da gala dos Premios da Cultura Galega, que este ano renderán homenaxe á movida
Teatro García Barbón

No nº80 (agosto de 1930) publicouse o discurso pronunciado por Castelao o 25 de xullo dese ano no Teatro García Barbón de Vigo, encol do «Galeguismo na arte». Para rematar, no nº 113 (maio de 1933) aparece o estudo «Escudos de Rianxo», 33 debuxos presentados ao Seminario de Estudos Galegos e analizados por Fermín Bouza-Brey. Deste estudo sairá o modelo do escudo de Galicia cunha serea, a bandeira e mais a lenda Denantes mortos que escravos.

En 1930, tras a caída do goberno de Primo de Rivera, o galeguismo comeza a súa organización política. En setembro dese ano asiste á sinatura do Pacto de Barrantes, acordo entre republicanos e galeguistas, e en 1931 saíu elixido deputado ás Cortes Constituíntes, integrándose no grupo parlamentario coa FRG-ORGA. En xuño de 1931 convértese no primeiro presidente do Grupo Nacionalista Galego de Pontevedra, que en decembro dese ano deu pé ao Partido Galeguista. Porén, nas eleccións xerais de novembro de 1933 o galeguismo non conseguiu representación. En abril dese ano participara en Gernika nun mitin do Partido Nacionalista Vasco.

En outubro de 1934 é desterrado a Badaxoz, e regresa en setembro de 1935. En febreiro de 1936 volve saír elixido deputado polo Partido Galeguista, integrado na Fronte Popular, sendo o candidato máis votado da provincia de Pontevedra. Os seus esforzos centráronse na aprobación do Estatuto de autonomía de Galicia. O alzamento nacional colleuno en Madrid, o que posiblemente lle salvou a vida, e xa non regresaría a Galicia. Mantense leal ao goberno e marcha a Barcelona e Valencia, e en 1938 desprázase á Unión Soviética no marco dunha comisión cultural republicana, e aos Estados Unidos e Cuba á procura de axuda para o goberno. Neste tempo publica os álbums da guerra Galicia mártir (1937), Atila en Galicia (1937) e Milicianos (1938), unha manifestación da súa carraxe contra o fascismo e en defensa da liberdade despois dos primeiros anos de represión, que acabaron con amigos seus, coma Alexandre Bóveda, e familiares como José Losada Castelao e Manuel Rodríguez Castelao.

En 1940 marcha a Bos Aires, onde ao ano seguinte estrearía a obra de teatro Os vellos non deben de namorarse e publicaría, en 1944, o ensaio Sempre en Galiza

En marzo de 1946 incorporouse como ministro sen carteira ao Goberno da República no exilio, presidido por José Giral, e estivo en París até xaneiro de 1947. Regresou a Bos Aires, onde seguiu participando en actos culturais e políticos, se ben por entón xa estaba doente de cancro. En xullo dese ano estivo con Otero Pedrayo, quen falaba de Castelao coma “o irmao Daniel”. Ao ano seguinte, no Día da Patria, pronuncia o discurso Alba de groria.

Finou o 7 de xaneiro de 1950. Foi embalsamado e soterrado en Bos Aires, e o seu corpo foi traído -no medio de certa polémica- ao Panteón de Galegos Ilustres en 1984. En 1964 dedicóuselle o Día das Letras Galegas, e en 2011 a súa obra foi declarada Ben de Interese Cultural pola Xunta de Galicia. En 2016 a Real Academia Galega de Belas Artes dedicoulle o Días das Artes Galegas. O seu legado consérvase en boa medida no Museo de Pontevedra.

OBRA
Entre as súas publicacións destacamos Os dous de sempre (1934), a súa única novela.

“Os dous de sempre”. A única novela de Castelao

*Información da biografía extraida do Álbum de Galicia que publica o Consello da Cultura Galega, sendo o seu autor, Adrián Estéves Iglesias. 18/11/2020 

- Publicidade -spot_img