Todos os concellos da provincia de Pontevedra posúen un encanto especial, un recurso turístico singular capaz de impulsar a visita de viaxeiros e viaxeiras con diferentes motivacións. Nesta idea baséase a campaña de dinamización turística “62 razóns para vir a Rías Baixas”, na que cada municipio propón un porqué que nos convida a descubrir o lugar.
A Deputación de Pontevedra emprendeu esta actuación, dirixida a turoperadores e medios nacionais e especializados en turismo, que promoverá os recursos e temas singulares que cada concello da provincia.
Há muitos aspectos que definen as Rías Baixas, coma é o turismo natural da man da camelia, a flor do inverno; a música, con festivais musicais coma o Festival do Norte, Sinsal, PortAmérica, Cultura Quente, Revenidas ou Atlantic Fest; a arquitectura contemporánea e a gastronomía, poñendo en valor tanto a calidade do produto de proximidade coma a profesionalización do sector turístico da provincia de Pontevedra.
A campaña baséase na idea de que cada unha das zonas que compoñen a provincia de Pontevedra pode presumir, sen ningunha dúbida, dun atractivo especial e único que merece ser coñecido e, por iso, esta campaña foi impulsada en colaboración cos propios concellos, coñecedores de primeira man destas excepcionalidades.
É por iso que cada un decantouse, con enxeño, polo que cre o seu recurso turístico máis importante, vangardista ou singular, de forma que este volume recompila un novo e variado conxunto de experiencias de gran validez para os audaces viaxeiros, que teñen a oportunidade de lanzarse a esta aventura, como poderán comprobar, en “calquera época do ano”.
A campaña “62 razóns para vir ás Rías Baixas” forma parte dos novos eixos de promoción turística da Deputación provincial, que buscan a posta en valor de aspectos pouco coñecidos, así como o lanzamento de propostas temáticas orixinais que contribúan a desestacionalizar o turismo e a xerar “unha nova mirada a este destino”. Un exemplo diso é, non en balde, a acción de promoción que levou á edición de Fitur 2016, centrada en divulgar a aplaudida arquitectura contemporánea das Rías Baixas.




