600 escolares de Tomiño inícianse na práctica do remo

600 escolares de Tomiño inícianse na práctica do remo600 escolares de Tomiño inícianse na práctica do remo a través do proxecto ‘Náutica para todas as persoas’, promovido pola Associação Desportiva e Cultural da Juventude de Cerveira e Asociación de Persoas con Discapacidade Vontade de Tomiño. Foi unha das iniciativas gañadoras do OPT 2018

 Achegar á mocidade ao río ao tempo que se fomenta a actividade deportiva, o lecer inclusivo e saudable e a unidade transfronteiriza. Estes son os obxectivos do proxecto ‘Náutica para todas as persoas’, unha iniciativa promovida pola  Associação Desportiva e Cultural da Juventude de Cerveira (ADCJC) e Asociación de Persoas con Discapacidade Vontade de Tomiño e unha das propostas gañadoras do Orzamento Participativo Transfronteirizo (OPT) 2018.

Este proxecto vén de rematar a súa segunda fase, na que 600 alumnos e alumnas de cinco centros de educación primaria (CEIP Barrantes, CEIP Pintor Antonio Fernández, CEIP Pedro Caselles Beltrán CEIP de Sobrada e CEIP Plurilingüe de Tebra) e do IES Antón Alonso Ríos de Tomiño iniciáronse na práctica do remo durante os meses de outubro e novembro.

A proposta busca a divulgación da actividade física e a promoción entre a mocidade de ambas beiras do Miño do remo como un deporte completo, polo que tras este primeiro contacto co alumnado dos centros educativos tomiñeses esta iniciativa desembarcará en Cerveira e achegará este deporte a outros 600 estudantes de entre 8 e 18 anos.

Para esta actividade, a Associação Desportiva e Cultural da Juventude de Cerveira leva ergómetros (simuladores de remo) aos centros educativos para que os alumnos e alumnas poidan experimentar este deporte en presenza dun monitor especializado.

Torneo da Amizade

A actividade rematará coa celebración a vindeira primavera do ‘Torneo da Amizade’, unha competición na que participarán os tres mellores alumnos e alumnas de Cerveira e de Tomiño por idade e xénero, elixidos tras unha fase clasificatoria previa.

Na primeira fase deste proxecto, a Asociación de Persoas con Discapacidade Vontade organizou durante os meses de xullo e setembro actividades de turismo e deporte inclusivo con xornadas de navegación que tiveron como punto de partida o pantalán adaptado de Goián, no Espazo Fortaleza, nas que participaron 200 persoas con mobilidade reducida.

Vota no OPT 2019

O Orzamento Participativo Transfronteirizo forma parte da Axenda Estratéxica de Cooperación Cerveira-Tomiño, un proxecto cofinanciado ao 75% pola convocatoria INTERREG VA POCTEP, fondos FEDER da Unión Europea. Nestes intres están abertas as votacións para a edición de 2019, nas que toda a cidadanía de Cerveira e Tomiño poderá elixir ata o vindeiro 16 de decembro aquelas dúas iniciativas que máis lles gusten entre as seis presentadas a esta edición do OPT. Os dous proxectos máis votados pola veciñanza serán os que se desenvolvan ao longo do vindeiro ano.

Please follow and like us:

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies