spot_img
InicioPontevedra e Área22 persoas viaxarán a varios paises de Europa grazas a segunda edición...

22 persoas viaxarán a varios paises de Europa grazas a segunda edición do proxecto de mobilidade ‘Practicum Depo’

22-persoas-viaxaran-a-varios-paises-de-europa-grazas-a-segunda-edicion-do-proxecto-de-mobilidade-practicum-depo

Estes mozos e mozas de 10 concellos da provincia viaxarán a Italia, Malta, Portugal e o Reino Unido para realizar prácticas en empresas durante entre catro e seis meses

 A Presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, acompañada pola Deputada de Emprego, Montse Magallanes, saudou hoxe no Salón de Actos do Edificio Administrativo da institución provincial aos e ás 22 alumnas e alumnos e cinco docentes que viaxarán este mes aos países de Italia, Malta, Portugal e o Reino Unido grazas á segunda edición do proxecto de mobilidade “Practicum Depo”, integrado no programa europeo “Erasmus+” e destinado ao alumnado de Formación Profesional da provincia de Pontevedra.

Carmela Silva agradeceu “o compromiso dos mestres e mestras coa participación neste proxecto, que supón que teñen que dedicar un tempo extra sen o que sería imposible que estes proxectos se convertesen nun éxito” que se traduciu en que “arredor do 15% das persoas que saíron noutras quendas deste proxecto atoparon un emprego”.

A Presidenta da Deputación de Pontevedra asegurou que “Practicum Depo é un proxecto europeo, enmarcado no Erasmus+, coa importancia que ten que o noso estudantado adquira experiencias fóra do seu propio entorno que os e as permitan enfrontarse a esas novas realidades ás que os e as obriga o mundo no que vivimos, un mundo global”. Carmela Silva asegurou que “é fundamental aprender novas linguas que nos permitan desenvolvernos fóra do noso entorno, pero tamén ser moito máis competitivos no noso propio”.

Os e as participantes da primeira fase da mobilidade sairán cara aos seus destinos o vindeiro 31 de xaneiro e realizarán prácticas en empresas dese país cunha duración de entre 130 días ata os 182 as de maior duración. Carmela Silva recibiu a estas 22 persoas, procedentes de centros educativos de Cambados (IES Ramón Cabanillas), Cangas (IES de Rodeira), Gondomar (IES Plurilingüe Terra de Turonio), Lalín (IES Lareixo), Ponteareas (CIFP A Granxa), Pontevedra (IES Luís Seoane), Redondela (IES Chapela), Silleda (IES Pintor Colmeiro), Tomiño (IES de Tomiño) e Vigo (CRP San Miguel, IES Ricardo Mella e o Instituto Politécnico Marítimo-Pesqueiro do Atlántico), que participarán na primeira fase desta edición do proxecto.

“Practicum Depo” permitirá que en total este ano 2017 sexan 101 alumnas e alumnos e outras 5 persoas docentes de Formación Profesional de grao medio as que se despracen arredor do continente. Precisamente é a mobilidade do profesorado unha das maiores novidades desta edición do “Practicum Depo”, coa que estes cinco profesores e profesoras (do IES Chan do Monte en Marín, o IES Salvaterra de Miño, o IES Pintor Colmeiro de Silleda e o IES Ricardo Mella mailo Centro de Artes Plásticas e Deseño Atlántico de Vigo), que se desprazarán ata a Alemaña, Finlandia, Irlanda, Italia e Malta, realizarán tarefas de “job shadowing”, isto é, desprazarse ata diversas empresas para coñecer os métodos e procedementos que realizan para desenvolver as prácticas do seu alumnado.

O programa europeo “Erasmus+” ten por obxectivo que os e as participantes adquiran novos contidos relacionados coa súa profesión, coñecendo á vez a cultura do país de destino e mellorando o dominio de linguas estranxeiras, ademais de poder detectar oportunidades de emprego e, en definitiva, complementar os seus coñecementos. A primeira edición de “Practicum Depo”, desenvolvida durante o ano 2016, contou coa participación de 123 alumnos e alumnas procedentes de 18 centros educativos.

 

 

- Publicidade -spot_img